ARRANXADA A AVARÍA NA REDE DE ABASTECEMENTO DE AUGA QUE AFECTOU Á ZONA DE LUCÍ, A RAMALLOSA E OZA

21-05-2016
O servizo municipal Augas de Teo comunica ao redor das 19:00 horas que quedou reparada a avaría grave que lle afectaba á rede de abastecemento nas zonas de Lucí, A Ramallosa, Catro Camiños e Oza. O problema viña derivado por unha avaría na redutora de presión situada nas Pozas. Neste momento o servizo de auga está restablecido.




O CONCELLO PON EN VALOR A FIGURA DE MANUEL MARÍA MEDIANTE UN REPARTO DE CHAPAS PARA PRENDER NA ROUPA

11-05-2016
O Servizo de Normalización do Concello de Teo preparou unha actividade para divulgar a figura de Manuel María e o Día das Letras Galegas entre a comunidade escolar e a poboación xeral. A actividade centrouse na creación de dous modelos de chapas para prender na roupa na que se visibilizan dous dos versos máis coñecidos deste autor, ademais da imaxe do seu rostro caracterizado e do cancelo #Teocoalingua. Mediante esta etiqueta preténdese conseguir difusión a través das redes socias Facebook, Twitter e Instagram por medio dunha fotografía da chapa en diferentes persoas e en lugares dispares xeograficamente.

O CONCELLO AVANZA NO PROGRAMA DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ TEO DECIDE: CAMIÑOS SEGUROS

09-05-2016
O Concello de Teo está a seguir co desenvolvemento de actividades en pro da participación veciñal co proxecto TEO DECIDE: CAMIÑOS SEGUROS, co que se quere facilitar á mobilidade peonil no termo municipal, cubrindo as principais necesidades da veciñanza nesta materia. É por iso que o vindeiro 19 de maio haberá un encontro coa veciñanza no que estarán o concelleiro de participación, Ignacio Iglesias, e a concelleira de Urbanismo, Uxía Lemus, co obxectivo de debater entre as opcións dispoñibles para a execución de camiños e para que os veciños acheguen tamén as súas propostas e suxestións. Será de 20:00 a 21:00 horas no Salón de Plenos do Concello.


O CENSO ELECTORAL PODERASE CONSULTAR NO CONCELLO ENTRE O 9 E O 16 DE MAIO PARA POSIBLES RECLAMACIÓNS

06-05-2016
Cara á próxima convocatoria das Eleccións a Cortes Xerais, que se celebrarán o día 26 de xuño, a Oficina do Censo Electoral comunica aos Concellos que o prazo de exposición pública do Censo Electoral será entre os días 9 e 16 de maio. Nese prazo, os interesados poderán achegarse ao Concello a comprobar os seus datos e proceder a reclamacións se é preciso. Esta consulta tamén poderá facerse a través do teléfono 901 101 900 ou entrando na páxina web do INE, con certificado dixital ou DNI electrónico.