O Concello pídelle á Xunta que incremente as prazas de comedor nos Tilos

29-07-2022

O Concello solicita á Consellería de Educación que incremente as prazas de comedor no CEIP Os Tilos. Nos últimos días a concelleira de Educación, María López, tivo constancia de que este ano a listaxe de agarda no servizo de comedor neste centro volve a ser de 40 familias. "Trátase dunha situación inasumible para as familias e a institución responsable deste servizo ten que dar unha resposta rápida e real xa que se trata dun problema que non é ningunha novidade" destaca López. 



Teo coloca a bandeira galega nos edificios municipais polo 25 de xullo

22-07-2022

O Concello de Teo celebra o 25 de xullo, día nacional de Galicia, coa colocación da bandeira galega nos edificios municipais. 

Teo conmemora deste xeito esta data na que as galegas estamos de celebración e deixa testemuña desta festividade coa instalación das bandeiras e moitos dos edificios municipais como as casas comúns e edificios deportivos coma os pavillóns e piscinas. A bandeira está colocada permanentemente na Casa do Concello pero dende agora loce tamén en locais de uso comunitario. 



A Deputación incumpre o seu compromiso co Concello na mellora da estrada de Luou

15-07-2022

A Deputación da Coruña incumpre as súas obrigas na mellora da vía DP-0205 ao seu paso pola parroquia de Luou. Así mesmo tamén “esquece” reiteradamente os compromisos adquiridos co Concello para a mellora desa vía.

A estrada DP-0205 é unha vía provincial que vén de Bertamiráns e cruza parte do Concello de Teo ata a Ramallosa. No tramo que pasa pola parroquia de Luou a estrada mantén unhas características que a fan moi perigosa xa que é moi estreita e ten varias zonas de curvas.


O TSXG falla a favor da expropiación da Xunta no proceso pola titularidade da pista da canteira

14-07-2022

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditou sentenza no procedemento polo que o Concello recurrira a expropiación da pista da canteira. O xulgado falla a favor da expropiación promovida pola Xunta de Galicia e en contra dos intereses do Concello que defendía a titularidade pública da vía. 

O Concello acordou no pleno do mes de outubro de 2021 recurrir o acordo de expropiación da pista da canteira diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. 


Teo abre este venres o parque efémero ´O cu na palla´

12-07-2022

O Concello promove, para este verán, a creacion dun lugar de lecer para público xuvenil e familiar en San Domingo (Calo), onde se fomenta o xogo vinculado ás estruturas realizadas con pacas de palla, un parque de xogo diferente para xogar coma antes: o cu na palla! É o xogo de palabras arredor da coñecida cantiga popular que lle da nome.

Este lugar, de acceso libre e gratuíto pretende, coma o ano pasado o fixo co exitoso Labirinto de Millo, render homenaxe ao mundo rural do Concello e trata de vincular a cativada coas experiencias de lecer sinxelas e de xogo libre.


Aviso de cortes puntuais no tráfico por asfaltado na zona da Cascalleira

12-07-2022

(EDITADO)

O Concello informa de que dende o venres 15 ao martes 19 se van facer traballos de asfaltado na zona da Cascalleira, na zona da obra Camiños escolares seguros. Os traballos suporán cortes puntuais de varias horas segundo os traballos vaian avanzando. 

Estas tarefas estaban programadas para iniciarse o mércores 13 mais por razóns alleas ao Concello tiveron que retrasarse. A previsión é que comecen o venres e rematen o martes 19. Durante a fin de semana non se farán traballos nin haberá cortes de tráfico. 


A Subdelegación do Goberno abre a exposición pública o expediente dun taller pirotécnico en Calo

12-07-2022

O Concello recibiu esta mañá a comunicación da Subdelegación do Goberno informando da tramitación para o establecemento dun taller de fabricación de artigos pirotécnicos, situado no lugar de Solláns, parroquia de Calo e a apertura dun prazo de exposición pública de 20 días. 

O edicto que se exporá no taboleiro municipal indica que na Subdelegación do Goberno se está tramitando o citado expediente e ábrese o prazo para que calquera persoa física ou xurídica poida formular alegacións sobre o particular en defensa dos seus intereses.