O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Bibliotecas Públicas do Grilo-Cacheiras e dos Tilos

BIBLIOTECA MUNICIPAL

A Biblioteca municipal de Teo é un servizo público que pretende converterse nun espazo de promoción da lectura e a educación da cidadanía, dentro do marco da igualdade e a diversidade social. Busca, pois, ser un espazo de encontro, onde poder formarse, aprender, compartir experiencias e relacionarse a través do seu fondo, programación de actividades para todos os públicos e cesión de espazos para a veciñanza.

Este servizo préstase en rede a través de dous puntos de atención: BPM do Grilo-Cacheiras e BPM dos Tilos, ambos de acceso libre e gratuíto.

As bibliotecas organizan periodicamente actividades de animación á lectura, concertos, contacontos, presentacións, obradoiros... Os meses de verán trasládanse parte dos fondos ás Bibliopiscinas municipais (Os Tilos e Luou). Salientable é a creación de clubs de lectura de diversos tipos (as persoas interesadas poden ampliar a información e a forma de inscribirse neste enlace ou nas nosas bibliotecas).

- Servizos:

  • Consulta en sala: Gran parte da colección (libros, revistas, audiovisuais, etc.) está en acceso directo e facilmente localizable, non sendo necesario ningún tipo de carné para a súa consulta. Os fondos están organizados a través da CDU e por centros de interese temáticos. A zona infantil diferenza tamén os fondos por grupos de idade para facilitar a consulta dos máis axeitados.

  • Préstamo: É un servizo gratuíto para o que é necesario o carné de lector. Para obtelo debe cubrirse a ficha que está a disposición en calquera das bibliotecas ou descargándoa neste enlace acompañada dunha fotografía (os/as menores deberán ter asinada tamén a autorización do pai, nai e titor/a). Este carné servirá para os préstamos en calquera dos centros de lectura de Teo. Poden levarse un total de 5 documentos por 15 días con posibilidade de renovalos. Tamén ofrece o servizo de préstamo de e-books a través da plataforma GaliciaLe.

  • Información bibliográfica: Atención de todo tipo de consultas sobre a nosa colección e recursos. Esta información pode consultarse de forma presencial, telefónica ou por outros medios (correo electrónico, redes sociais...). En todo caso, pode informarse directamente a través dos catálogos en liña da BPM do Grilo- Cacheiras e BPM Os Tilos.

  • Información e referencia: apoio ás buscas de información tanto bibliotecarios como doutro tipo.

  • Desiderata, queixas e suxestións: estamos interesados nas propostas de compra, suxestións ou queixas para a mellora dos nosos servizos. A través deste modelo que se pode descargar premendo aquí ou solicitar na biblioteca recibiremos estas propostas. En calquera caso non supón un compromiso de compra pero si de toma en consideración.

  • Acceso a internet: Nas bibliotecas existe acceso a internet vía wifi libremente en todas as instalacións ou a través de terminais informáticos localizados nas salas. Este último estará limitado a 1 hora ao día por usuario/a, e os menores de 16 anos deben estar acompañados dun adulto responsable ou contar con autorización asinada polo pai, nai ou titor/a responsable.

  • Doazóns:  A biblioteca está aberta á recepción de doazóns. Para iso é necesario cubrir esta ficha onde quedan detalladas as condicións e a forma de realizalas.

  • Hemeroteca: Existen diversas cabeceiras de prensa diaria e revistas a disposición das persoas usuarios.

  • Bebeteca: Espazo pensado especialmente para os/as máis pequenos composto por material e mobiliario adaptado que pretende funcionar como un lugar de primeiro contacto co mundo do libro e a lectura.

  • Fondo local: As bibliotecas realizan un importante esforzo por reunir material referido ó Concello de Teo así como elaborado por autores naturais deste Concello ou cunha especial relación co mesmo.

 

BPM do Grilo-Cacheiras Travesía de Cacheiras 18 15883 Teo Tfno.: 981 806 400 mediateca@teo.gal

BPM Os Tilos Rúa Buxo nº 4, Os Tilos 15894 Teo Tfno: 881 064 128 bibliotecatilos@teo.gal

Horario de atención ó público:

BPM do Grilo-Cacheiras

Luns a venres: de 10:00 a 14:00 h 

BPM Os Tilos

Luns a venres: de 16:00 a 19:00 h

 

Tamén a través das nosas redes sociais:

Facebook  /Twitter /Pinterest /Blog

Biblioteca Tilos

Contacto

Grilo-Cacheiras 981 806 400 // Os Tilos 881 064 128

Ubicación

O Grilo na Travesía de Cacheiras 18 // Os Tilos na Rúa Buxo nº 4
Os Tilos

Arquivos descargables

Attachment Size
desiderata.pdf 105.63 KB
doazóns_corrixido.pdf 97.5 KB
ficha usuario.pdf 118.6 KB