O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o mércores 2 de setembro, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

Teo celebra o Mes do Teatro cunha gran oferta para todos os públicos

| compartir:

Este outubro volve o mes do teatro no Concello de Teo, cunha gran programación que oferta actividades para todos os públicos, adulto e infantil. As obras representaranse todas no auditorio municipal da Ramallosa e serán de balde, con reserva previa ata completar a capacidade. 

Gallaecia Eventos abre a programación para público familiar coa obra “Os rizos de Lía”, o sábado 3 de outubro. Nesta historia, unha nena valente emprende unha viaxe chea de emocións, aventuras, descubrimentos e moita música. 

O domingo 4 teremos a obra “Petición de man”, dentro do Circuíto Galego de Teatro amador FegaTeatro 2026. A compañía Ditea presenta a Liborio, un rico e hipocondríaco terratenente, que visita a súa veciña, case parente, Severina, coa intención de pedirlle a a man da súa filla Felicitas, pero a disputa con esta última pola propiedade dun pequeno prado de alfalfa vai estar apunto de estragalo todo. Un espectáculo para público adulto. 

A seguinte fin de semana, o sábado 10, será a quenda de De Ste Xeito producións con “Neura, unha comedia neurótico-festiva”, un espectáculo onde os protagonistas son Edu e Sonia, que xa viviron no pasado a súa historia de amor e desamor e que terminou precisamente por mor de pequenos trastornos. Non son amigos, non son amantes. Son esa categoría difusa á que chamamos ex. Xente da que sabemos ata o seu grupo sanguíneo, pero coa que actuamos como perfectos descoñecidos. Unha comedia para público adulto.

O venres 16, Redrum Teatro presentará “A furia da amanita”, un drama para público adulto que narra a historia dun pai e dunha filla. Despois dunha década vivindo no estranxeiro, Irene regresa á casa da súa infancia para atoparse cun pai recluído no silencio e a rutina. Entre diálogos fragmentados, recordos intermitentes e tensións ideolóxicas, ambos os dous intentan reconstruír un vínculo roto pola perda, a distancia e os reproches.  

O sábado 17 teremos unha obra para público familiar da man de Negro López, coa peza “Backstage infantil”. Un espectáculo sobre un músico que está a piques de dar un concerto en solitario e que antes de comezar non atopa as cousas, perde as partituras, ponse nervioso... e todo porque o rexedor do espectáculo é todo un pallaso. 

Seguimos o venres 23 con “A cámara escura” de Vórtice Escénico. Unha obra que fala das vítimas de ciberacoso que se ven conducidas cara un buraco negro de desprezo e dor. Trata das persoas culpables que, agresión tras agresión, van construíndo un perigoso perfil de cara ao futuro. Para público maior de 12 anos. 

O domingo 25 volve o Circuíto Galego de Teatro amador FegaTeatro 2026 con tres pezas de microrelato “Sos – Sopa de morcego - Metamorfosis”, para público adulto. Tres pequenas historias e moito humor. 

A compañía Talía Teatro presenta o venres 30 a obra “Lambetadas”, onde dous personaxes excéntricos entran en escena. Como non saben quen son, nin de onde veñen, nin cara a onde van, non lles queda máis remedio que coñecérense, tanto un ao outro como a eles mesmos. O que descobren é que para atopar a súa identidade deberán saber o que lles pasa ás súas linguas. Unha obra para público familiar e infantil, recomendada para a rapazada de entre 6 a 11 anos. 

Pechamos o mes do Teatro o sábado 31 co espectáculo “O Parvo”, dentro do Circuíto Galego de Teatro amador FegaTeatro 2026. A historia comeza cando Pedro Brandoñas invita a cear a Francisco Piñeiro. En principio parece un invitado inofensivo ou un pouco "parvo", pero acaba complicando e enleando a situación ata levala ao límite. 

cartel