O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o mércores 2 de setembro, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o mércores 2 de setembro, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Concello de Teo convoca unha nova edición de «Onde a luz medra: Teo Brilla», que este ano incorpora dúas categorías de participación, decoración exterior e interior, e repartirá 3.000 euros en premios.
O Nadal volve iluminar Teo! O Concello, a través da Concellería de Cultura, Turismo, Festas Tradicionais e Festexos, convoca o II Concurso de Decoración do Nadal 2026-2027, dirixido aos establecementos abertos ao público das 13 parroquias do municipio.
Tras a primeira edición, «Teo Brilla» regresa para animar os comercios, establecementos de restauración, aloxamentos turísticos e empresas de servizos a decorar os seus espazos e contribuír ao ambiente de Nadal nas nosas parroquias.
A principal novidade desta edición é a incorporación de dúas categorías independentes:
Decoración exterior: escaparates, fachadas, balcóns, ventás, portas, xardíns e outros espazos exteriores visibles desde a vía pública ou de libre acceso.
Decoración interior: zonas de venda, recepcións, comedores e outros espazos interiores abertos ao público, que poderán visitarse gratuitamente nos horarios indicados polos establecementos participantes.
Cada establecemento poderá participar nunha ou nas dúas categorías, presentando unha inscrición independente para cada unha.
O concurso repartirá un total de 3.000 euros, distribuídos do seguinte xeito:
| Categoría | Primeiro premio | Segundo premio |
|---|---|---|
| Exteriores | 1.000 € | 500 € |
| Interiores | 1.000 € | 500 € |
O xurado valorará a composición estética, a creatividade, a iluminación, o emprego de materiais reciclados ou sostibles e a incorporación de elementos relacionados coa identidade, as tradicións e o patrimonio de Teo.
O prazo de inscrición será de 20 días naturais a partir do día seguinte á publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, coa prórroga legal correspondente se o último día é inhábil. É dicir, do 24 de novembro ao 14 de decembro, ambos incluídos.
As solicitudes presentaranse preferentemente a través da sede electrónica do Concello de Teo, mediante o formulario do anexo I das bases. As persoas non obrigadas a relacionarse electronicamente coa Administración tamén poderán presentalas no Rexistro municipal ou polos demais medios legalmente previstos.
Non será necesario ter a decoración instalada no momento da inscrición.
As persoas participantes deberán presentar, como máximo o 15 de decembro de 2026, un mínimo de tres fotografías da decoración instalada por cada categoría, acompañadas dunha breve descrición da proposta e dos materiais empregados.
As decoracións deberán permanecer instaladas desde o 15 de decembro de 2026 ata o 7 de xaneiro de 2027, ambos incluídos.
A entrega dos premios celebrarase o 5 de xaneiro de 2027, dentro da programación da Cabalgata de Reis do Concello de Teo.
Desde o Concello animamos os establecementos das 13 parroquias a participar, dar renda solta á creatividade e facer que o Nadal se vexa tamén nos seus escaparates, fachadas e espazos interiores.
Onde a luz medra, Teo Brilla!
As bases completas e o formulario de inscrición estarán dispoñibles nos documentos adxuntos a esta publicación.
Consultas: cultura@teo.gal / turismo@teo.gal
| Attachment | Size |
|---|---|
| PUBLICACIÓN BOP-BASES CONCURSO DECORACIÓN NADAL 2026-2027.pdf | 135.47 KB |