O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O Concello leva retirados máis de 350 niños de velutina este verán

| compartir:

O Concello de Teo leva retirados máis de 350 niños de nespra asiática que vai de campaña nesta primaveira e verán. Dende finais do ano pasado o Concello é entidade colaboradora coa Xunta de Galicia para a retirada de niños. "Adoptamos esta decisión diante da falla de resposta por parte da Xunta xa que o verán pasado a retirada de niños acumulaba retrasos de semanas e meses" explica o alcalde de Teo, Rafael Sisto.

Dende primeiros de ano o persoal do Servizo Municipal de Emerxencias encárgase deste tema. Segundo un informe do servizo dende primeiros de ano lévanse atendidos 385 avisos, sendo 25 deles de niños da campaña anterior que estaban inactivos.

Dende o mes de abril xa se empezaron a atender avisos relativos a novos niños de nespra asiática da campaña actual. Nos seguintes meses, ata o 10 de setembro atendéronse 360 avisos. Dende o servizo municipal explican que se está acudindo con retrasos de poucos días, na maioría das ocasións en dous ou tres días. Só en ocasións moio puntuais, se hai dificultades técnicas para a retirada se pode dar algún retraso maior. 

Dende o servizo explican que a maioría dos avisos xa se están dando en núcleos de vivendas e a escasos mestros das mesmas ou mesmo nas propias edificacións.

O alcalde destaca "o traballo e a implicación do persoal do servizo municipal de emerxencias" e así mesmo "o esforzo que se ten feito dende o Concello tendo que cubrir un servizo que a Xunta non estaba realizando de xeito adecuado a pesares de ser competencia autonómica". A través do convenio de colaboración coa Xunta esta entregou ao Concello dous traxes para a retirada e unha pértiga. Sen embargo o material tamén é escaso e mercáronse máis traxes con fondos municipais para que cada un dos operarios poida ter o seu.

Por parroquias a maioría dos avisos, por razóns obvias de tamaño, son de Calo (35%) e de Cacheiras e Recesende (25%). Bamonde, Oza, Vilariño, Teo e Lucí concentran o 20%; Luou, Rarís e Reis o 15% e Os Tilos o 5% restante.

Avisos ao 012

A pesares de que a retirada xa se fai dende Teo e por eso o tempo de resposta está sendo máis óptimo ca en campañas anteriores os avisos hai que seguir dándoos chamando ao teléfono de atención da Xunta 012. Calquera persoa que vexa un niño debe chamar ao 012 e indicar o enderezo no que está situado quedando cun número de incidencia do citado aviso para facer o seguimento.

Trampeo na primeira parte do ano

Cabe destacar tamén que nos primeiros meses do ano realizouse unha campaña contra a nespra asiática. Ademais de entregar líquido atraínte para atrapar raíñas o servizo de voluntariado de Protección Civil colocou numerosas trampas en zonas públicas. Este trampeo fíxose nos meses de marzo e abril e nas semanas anteriores fixéranse numerosas charlas informativas sobre esta praga

Podes consultar o ciclo anual da velutina premendo aquí.

 

imaxe dun niño de nespra asiática