O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o 3 de setembro de 2025
O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o 3 de setembro de 2025
A alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, xunto coa conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, asinaron hoxe un convenio de colaboración para o financiamento das obras de adaptación do local que albergará o futuro centro de día de Teo, situado en Montouto, por importe de 600.000 euros.
Trátase dun edificio illado que conta cunha superficie construida de 910 metros cadrados, dos cales 829,40 m² son de superficie útil. O espazo que se destinará a centro de día ocupa unha superficie útil de 532,62 m², superando así a superficie mínima esixida pola normativa. Namentres, os 296,78 m² restantes reservaranse como área de posible ampliación futura do centro.
Así, a entrada principal situarase nunha posición central e, a partir do dito acceso, organizarase o centro en dúas zonas diferenciadas. Á dereita da entrada situaranse os espazos de maior dinamismo e participación colectiva, como son a zona de actividades, a sala polivalente, o comedor e a cociña con office e almacén auxiliar. Á esquerda da entrada estarán os espazos máis funcionais, técnicos e de atención personalizada, tales como os despachos administrativos, a sala de atención social e enfermería, os vestiarios e aseos do persoal e o cuarto de instalacións. Desta forma, garantirase o cumprimento do programa funcional obrigatorio.
No extremo esquerdo, trala zona técnica, atoparase un almacén extra que se poderá habilitar nun futuro como ampliación do centro, ben sexa para aumentar a capacidade de usuarios ou para incorporar novas áreas de atención especializada.
O deseño proposto para o futuro centro de día incorpora criterios de accesibilidade universal, confort térmico e acústico, eficiencia enerxética, seguridade contra incendios e sinalización cognitiva, conforme aos estándares esixidos para a súa acreditación como centro de servicios sociais. Todo iso garantirá que o edificio cumpra as condicións necesarias para obter a autorización administrativa previa ao inicio da actividade como centro de día, conforme ao réxime establecido pola Xunta de Galicia. Por último, procederase á urbanización da contorna do edificio, cunha dobre zona de aparcamento e de maniobra que permitirá o correcto desenvolvemento da actividade do centro.
Centro de día
O futuro centro de día, solicitado por primeira vez e de forma oficial á Xunta de Galicia polo actual Equipo de Goberno, ten como finalidade mellorar a calidade de vida e o benestar das persoas maiores do municipio de Teo que precisan deste recurso asistencial para dar resposta ás súas necesidades. Desta forma, a veciñanza teense disporá dun servizo de atención diúrna, o cal terá unha capacidade máxima de 40 prazas.
Cabe sinalar que, este centro, permitirá tamén ofrecer un servizo de conciliación ás familias das persoas maiores, que a día de hoxe son moitas as que se teñen que desprazar a concellos veciños para poder desfrutar deste servizo.
Cómpre lembrar que a poboación maior do municipio supera os 4.000 habitantes con máis de 65 anos. Por iso, insistiu a rexedora local, que se trata dun proxecto vital para o concello de Teo, xa que ofrecerá un servizo básico e fundamental para o desfrute da xente maior.
Deixámosvos as maquetas do futuro centro de día de Teo:


