O Concello emite informe de incompatibilidade urbanística para a planta de Toysal na Casalonga

04-09-2018
rolda de prensa

O Concello de Teo xa conta co informe de compatibilidade urbanística solicitado en relación á planta de residuos que a empresa Toysal quere instalar na antiga canteira de Casalonga.  O alcalde de Teo, Rafael Sisto, e a a concelleira de Urbanismo, Uxía Lemus, informaron desto en rolda de prensa esta mañá no Concello. Hoxe mesmo remitiuse á Dirección Xeral de Calidade Ambiental o informe que considera que "de conformidade co artigo 15 do Real Decreto Lexislativo 1/2016, de 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da lei de prevención e control integrados da contaminación, que a actividade contida no proxecto básico e estudo de impacto ambiental para a solicitude de autorización ambiental integrada das instalacións de xestión de residuos situada en Teo, non é compatible co PXOM de Teo e a demais normativa urbanística de aplicación". Consulta aquí o informe.

Dende o Concello remitíase esta mesma mañá o citado documento á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e solicítase que "en virtude do exposto, e en cumprimento do establecido no artigo 15 do Real Decreto Lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, por medio do presente, solicítase ao órgano competente da Comunidade autónoma para outorgar a autorización ambiental inegrada que, en virtude do informe citado, dite resolución motivada poñendo fin ao procedemento e arquivando as actuacións". Consulta aquí o oficio de remisión.

Rafael Sisto explicou que "os servizos técnicos municipais levan tempo traballando nun documento que mantén que o proxecto de Toysal é incomplatible urbanísticamente e agora é o momento de que a Xunta cumpra e peche a tramitación do expediente de Toysal" e como indicou Uxía Lemus, concelleira de Urbanismo, "o faga coa mesma premura que se nos esixía a nós para a emisión do informe".

Por outra banda os responsables municipais destacaron que unha vez pechado este expediente e descartada esta primeira ameza sobre Teo "a nosa prioridade é conseguir un cambio lexislativo que evite este tipo de instalacións neste tipo de solo en zonas residencias tan preto de núcleos de vivendas".

Sisto destacou que con este informe "tivemos que solventar a incapacidade do Parlamanto para lexislar establecendo medidas de protección da cidadanía xa que é no Parlamento galego onde se poden realizar os cambios normativos necesarios para evitar este tipo de ameazas". O alcalde destacou que agora "estamos quizáis máis preocupados xa que ata agora tiñamos unha arma potente, a emisión do informe que paraliza este proceso pero agora é prioritario que se faga o cambio normativo que se ten comprometido dende as filas populares, agora está nas súas mans e non podemos esperar a que a empresa realice unha nova solicitude". Uxía Lemus apuntou que "se non se modifica a lei como adiantou a deputada Paula Prado seremos os primeiros en pedir a súa demisión". A concelleira de Urbanismo destacou ademais "que nós cumprimos co noso compromiso de traballar coa veciñanza para evitar a instalación desta planta".

O alcalde e a concelleira, diante de varios/as representantes da Plataforma Casalonga Limpa de Residuos tamén indicaron que "a presión cidadá ten que continuar" e indicaron que "reivindicamos o traballo de información que se fixo dende o inicio do proceso xa que non atoparedes outro concello, que nunha circunstancia similar, teña informado antes do proceso de exposición pública e fixémolo porque necesitamos que esto sexa unha batalla conxunta".

Toysal presentaba en decembro pasado a solicitude de informe urbanístico para xuntar coa solicitude de autorización ambiental integrada do proxecto constructivo que quere instalar na Casalonga. O Concello solicitoulle posteriormente á empresa o citado proxecto para poder avaliar a súa compatibilidade urbanística. Nestes meses tense traballado intensamente para buscar o xeito máis garantista de evitar a instalación da planta de Toysal. "Confiamos no informe técnico e caso de que a empresa queira cuestionalo no xulgado pelexaremolo" indica o rexedor. Tanto o alcalde como a concelleira agradeceron o traballo e a implicación do técnico municipal neste asunto.

Como é o proxecto da planta?

A planta ocuparía unha extensión duns 135.000 metros cadrados na antiga canteira da Casalonga. Está pensada para tratar diversos tipos de residuos orgánicos, cun volume que segundo o proxecto da empresa se situaría entre as 80.000 e as 90.000 toneladas anuais. Os máis numerosos serían os lodos procedentes de depuradoras de augas residuais (25.000 toneladas ao ano), residuos de industrias agroalimentarias (22.000 toneladas anuais) e lodos de conserveiras (20.000 toneladas anuais). Ademais procesaría 10.000 toneladas ao ano de subprodutos animais non destinados ao consumo humano, tecnicamente coñecidos polas siglas SANDACH, e unhas 3.000 toneladas anuais de xurros e estercos.

O proxecto contempla habilitar os camiños de acceso e construír unha nave de recepción dos residuos agroalimentarios con dous tanques para líquidos e semilíquidos e un búnker para sólidos, así como instalar dous dixestores anaeróbicos, un tanque de almacenamento dos dixestatos e a construción das oficinas.

O proceso ao que se someten os residuos serve para obter fertilizantes, metano para producir electricidade de autoconsumo da planta, augas de condensación e residuos inertes como plástico, metal e envases. As augas serían empregadas, segundo a compañía promotora do proxecto, para tarefas internas como o lavado de camións e para un hipotético rego de plantacións forestais. O proxecto practicamente non detalla o destino dos fertilizantes nin os estudos de demanda dos produtos obtidos.