O CURSO DE GRADUADO EN ESO COMEZA ESTE VENRES CON TRINTA PARTICIPANTES

03-02-2016
O curso de graduado en ESO comeza este venres 5 de febreiro con todas as prazas cubertas, trinta. Este primeiro día farase unha presentación ás 20:20 horas na que estará a concelleira de Educación, Salomé Beiroa, o axente de emprego e desenvolvemento local e a mestra do curso. Este ano a actividade conta con trinta alumnos/as e non quedaron solicitudes en lista de agarda. Consulta aquí a listaxe de admitidos/as

PRETO DE 80 RAPACES E RAPAZAS DE TEO, AMES E NEGREIRA PARTICIPAN NUNHA XORNADA DE FORMACIÓN DO CLUB DE DEBATE

03-02-2016
Os Concellos de Teo, Amese Negreira presentarán nove equipos de escolares, que cursan estudos de educación secundaria e bacharelato, á quinta edición do Club de Debate. Esta iniciativa busca traballar na mocidade conceptos como a comunicación, a oratoria, a tolerancia e o pensamento crítico, ao tempo que fomenta o uso oral lingua en contextos formais e informais. O alumnado e o profesorado inscrito no Club de Debate asistiron a unha xornada de formación que serviu de punto de partida para a fase clasificatoria de zona, que se celebrará no concello de Negreira o vindeiro 8 de abril.


TEO RECIBE A NOTIFICACIÓN DA XUNTA POLA QUE SE LLE RETEÑEN INGRESOS DO FONDO DE COOPERACIÓN LOCAL POLA SUBA DE SOGAMA

02-02-2016
O Concello de Teo recibía onte a notificación da Xunta de Galicia pola que se lle reteñen fondos do Fondo de Cooperación Local, en concreto 86.266 euros. Esta cantidade corresponde á subida unilateral que realizou Sogama e coa que Teo non está dacordo. De feito tense plantexado un recurso no xulgado contra esta situación “convencidos de que aquela suba ademais de inxustificada é inconstitucional” indica o rexedor, Rafael Sisto.

O PLENO DEBATE A MODIFICACIÓN DA ORDENANZA DAS PISCINAS MUNICIPAIS E DA VENDA AMBULANTE

27-01-2016
A corporación teense reúnese este xoves 28 de xaneiro en sesión ordinaria. O debate terá lugar, como xa é habitual, en horario de tarde, ás 20:00 horas, para facilitar a asistencia das persoas interesadas e celebrarase no salón de sesións da Casa Consistorial, na Ramallosa. A sesión tamén se retransmitirá por streaming a través da web municipal, premendo no banner En directo, na marxe dereita da portada.

A PARROQUIA DE REIS ABRE O ENTROIDO DOS XENERAIS EN TEO ESTA FIN DE SEMANA

27-01-2016
O entroido dos xenerais da Ulla arranca en Teo esta fin de semana, concretamente na parroquia de Reis. Os xenerais, correos, comparsas e coros sairán o sábado e domingo dende pola mañá para poder percorrer a parroquia. En Reis ademais sairá o “Demo”, unha personaxe que só sae nesta parroquia teense. Nas dúas xornadas realizarase o tradicional atranque no campo da festa ó redor das 19:30 horas.

O GOBERNO MUNICIPAL ABRE UN EXPEDIENTE INFORMATIVO A DOUS POLICÍAS QUE NON TEN RELACIÓN CON CUESTIÓNS URBANÍSTICAS

22-01-2016
Diante das informacións aparecidas hoxe en dous medios escritos sobre a apertura dun expediente á policía local o goberno municipal de Teo quere actuar dun xeito riguroso, como é habitual, e clarificar varias cuestións. É falso que a persoa sobre a que a policía emite un informe urbanístico sexa familiar de ningún edil nin do alcalde. Esta persoa, que ten aberto un expediente no departamento de urbanismo, non ten ningún vínculo familiar con ningún membro do goberno municipal de Teo. Á vista desto, a insinuación de que calquera expediente informativo á policía vén motivado por esta inexistente relación familiar non se sostén.


O CONCELLO INFORMA DAS OBRIGAS DE LIMPEZA QUE TEÑEN OS PROPIETARIOS DE FINCAS PARA PREVIR OS INCENDIOS FORESTAIS

21-01-2016
O Concello de Teo publica, como cada ano por estas datas, un bando informativo sobre a lei 3/2007 de Prevención e Defensa contra os incendios Forestais de Galicia na que se lembran as obrigas dos propietarios de fincas, que están nas faixas de especial protección de núcleos, de limpeza das mesmas para previr os lumes.

ENTRÉGASE O PREMIO LITERARIO MODESTO R. FIGUEIREDO ESTE VENRES NO CONCELLO DE TEO

20-01-2016
O Concello de Teo acolle este venres 22 de xaneiro a entrega do premio da XLI edición do certame nacional de narracións curtas Modesto R. Figueiredo. O escritor Adolfo Caamaño convertiuse en gañador coa obra Pin Ball do Pombal e recollerá este recoñecemento, dotado con 1.000 euros, o venres nun acto ás 19:00 horas no salón de plenos do Concello, na Ramallosa. Trátase dun certame organizado polo Pedrón de Ouro co que este ano colabora Teo na organización.