O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Marzo, o mes para solicitar praza nas escolas infantís municipais

| compartir:

As escolas infantís municipais, situadas en Calo, na Ramallosa e nos Tilos, abren en marzo o prazo para reservar praza ou solicitar o acceso. Para nenos e nenas que xa teñan praza neste curso e queiran renovala para o vindeiro, o prazo de solicitude vai desde o 2 ata o 16 de marzo. Quen pida nova praza disporá para facelo do período entre o 17 e
o 31 de marzo. Para obter praza de novo ingreso o neno ou nena ten que nacer antes do 1 de xuño.
 

Que documentación se necesita?
Os documentos para reservar praza xa se lles facilitan ás persoas solicitantes desde os propios centros aos que asisten durante este curso. Para as solicitudes de novo ingreso a documentación pode obterse en calquera das Escolas Infantís Municipais, na Casa do Concello ou descargalos desde a súa páxina web teo.gal.

Como se pode saber máis? 
Para quen desexe ter unha información detallada do proceso, o Concello convoca unha reunión explicativa para o venres 13 de marzo no Salón de Plenos da Casa do Concello ás 20:00 horas. Darase conta de como é o procedemento da reserva de praza e tamén se poderán recoller os impresos de solicitude de prazas. E en calquera momento para
resolver dúbidas sobre o procedemento pódese acudir ao Departamento de Servizos Sociais, ademais de chamar ao teléfono 881 819 356 ou escribir ao enderezo eimteo@teo.gal

Modificación do regulamento
De cara a este proceso de admisión de alumnado nas escolas infantís municipais tamén entra en vigor unha modificación do regulamento de funcionamento dos centros. Concretamente os nenos e nenas con necesidades educativas especiais terán prioridade, só por detrás daquelas reservadas para ingresos urxentes xustificados.

Prazas na actualidade
Tanto na quenda de mañá como de tarde, a escola infantil municipal de Calo dispón de 56 prazas, a da Ramallosa de 69 e a dos Tilos de 41, distribuídas en niveis de idade de ata un ano, de un a dous anos e de dous a tres anos. En Calo dispoñen de 8 prazas para o primeiro grupo, 13 para o segundo e 20 para o terceiro, ademais dun internivel con 15 prazas. Na Ramallosa neste curso os grupos son de 8, 26, 20 e 15 prazas. Nos Tilos as prazas repártense en 8, 13 e 20 por cada grupo. Este reparto pode variar para adaptarse mellor á realidade da demanda do vindeiro curso.

patio Calo