O CONCELLO LAMENTA QUE AS MODIFICACIÓNS NORMATIVAS DA XUNTA DE GALICIA ABRAN A PORTA Á INSTALACIÓN DUNHA PIROTECNIA EN TEO

08-04-2016
O alcalde de Teo, Rafael Sisto (Son de Teo-Anova), e a concelleira de Urbanismo, Uxía Lemus (PSdeG-PSOE), compareceron esta mañá para lamentar que as sucesivas modificacións normativas da Xunta de Galicia nos usos do solo rústico abren a porta á instalación dunha pirotecnia en Teo. Segundo explicou o rexedor “a nova lei do solo de Galicia liberaliza os usos do solo rústico”. Pola súa banda a concelleira socialista destacou que segundo a Xunta “unha pirotecnia non se pode instalar en solo industrial pola súa perigosidade pero si en solo rústico sen ter en conta a dispersión poboacional do rural galego”.

AS ANPAS CELEBRAN MAÑÁ UN OBRADOIRO SOBRE INTELIXENCIA EMOCIONAL PARA AS FAMILIAS

07-04-2016
Mañá venres 8 de abril ás 19:00 horas terá lugar un obradoiro sobre intelixencia emocional dirixido ás familias na Casa Común dos Tilos. Con esta xornada formativa, impartida pola psicóloga e nai Ana Couto e desenvolvida polas ANPAs da Rabadela (CEIP A Igrexa-Calo), Cobas (CEIP Os Tilos), Río Tella (CEIP A Ramallosa) e A Cantoñeira (CRA de Teo), quérese axudar aos pais e nais a entrar no mundo das emocións dos seus fillos e fillas, utilizando a intelixencia emocional, unha capacidade que nos permite coñecer e manexar os nosos sentimentos e os dos demais con eficiencia.

O CONCELLO ÚNESE AO PROGRAMA APEGO

06-04-2016
O Concello de Teo asinará o vindeiro sábado 9 de abril a súa adhesión ao programa Apego nun acto que se celebrará a partir das 12:00 horas no Centro Ágora da Coruña, no que participará o alcalde de Teo, Rafael Sisto, responsable de normalización lingüística do Concello. Tras a sinatura da addenda, explicarase o proxecto e intervirán os representantes dos concellos da Coruña, Negreira, Muros, Moaña e A Baña. O encontro finalizará cun concerto de balde e libre asistencia de “Arrolos de salitre”, con Xabier Díaz e Guille Fernández.

O CONCELLO CELEBRARÁ O VINDEIRO 9 DE ABRIL O I FORO DA MOCIDADE

05-04-2016
ende o Departamento de Mocidade do Concello de Teo, dirixido por Ignacio Iglesias, quérese lembrar a celebración este sábado do I Foro da Mocidade , enfocado a persoas de entre 16 e 25 anos. Con esta iniciativa búscase a participación da xuventude de Teo, co obxectivo de que sexan os mesmos mozos/as os que se impliquen de cheo no “deseño da programación específica para a mocidade de cara ao curso 2016/17”, segundo explicou o concelleiro Ignacio Iglesias na presentación do proxecto. Deste xeito, levarase a cabo unha participación activa nos planos cultural, deportivo, social e formativo do Concello, coa que conformar un plan de acción para os próximos anos.

O PLENO DO CONCELLO VOTA O ORZAMENTO MUNICIPAL, QUE SUPERA OS 13 MILLÓNS DE EUROS

30-03-2016
A corporación teense reúnese este xoves 31 de marzo en sesión ordinaria. O debate terá lugar, como xa é habitual, en horario de tarde, ás 20:00 horas, para facilitar a asistencia das persoas interesadas e celebrarase no salón de sesións da Casa Consistorial, na Ramallosa. A sesión tamén se retransmitirá por streaming a través da web municipal, premendo no banner En directo, na marxe dereita da portada.

UN 30% DAS CARTAS DA REGULARIZACIÓN CATASTRAL NON FORON ENTREGADAS POR PROBLEMAS NO ENDEREZO POSTAL

21-03-2016
Nos últimos días dende Correos explicóuselle ao alcalde de Teo, Rafael Sisto, que hai unha porcentaxe das cartas que está enviando o Catastro nestes días pola regularización catastral que non foron entregadas. Non se puideron entregar por problemas co enderezo e a cifra pode superar os 1.000 envíos, xa que Correos o cifra nun 30% das cartas remitidas.

O SERVIZO DE ATENCIÓN PARA CONSULTAS DO CATASTRO ATENDERÁ O LUNS 21 E O MÉRCORES 23 EN HORARIO DE MAÑÁ

18-03-2016
Dende o Concello de Teo infórmase que a semana próxima haberá unha atención específica para as consultas sobre a regularización catastral. O persoal da empresa contratada para este servizo atenderá o luns 21 e mércores 23 no salón de plenos en horario de 09:30 a 14:00 horas. Nestes días moitas das notificacións que están chegando da revision catastral impulsada dende Facenda, están en período de alegacións polo que se decidiu ampliar o horario de atención habitual.


O CONCELLO DE TEO CELEBRARÁ O 9 DE ABRIL O I FORO DA MOCIDADE NO QUE SE TRABALLARÁ NO DESEÑO DA PROGRAMACIÓN MUNICIPAL DESA ÁREA

16-03-2016
O Departamento de Mocidade do Concello de Teo, dirixido por Ignacio Iglesias, presentaba esta mañá as principais conclusións do proxecto de participación social da mocidade do Concello de Teo no que se estivo traballando nos últimos meses. Este traballo permitiu realizar unha diagnose da situación nesa área de xestión e contar cun plan de acción para os próximos anos.