O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

(EDITADA) O domingo 5 de xaneiro, tarde de ilusión coa visita dos Reis Magos

| compartir:

(EDITADA) A Cabalgata dos Reis Magos sementará a ilusión por todo o municipio de Teo durante a tarde do 5 de xaneiro. Ao igual que nos anos anteriores, está previsto que no seu percorrido se acheguen a puntos de interese como locais das asociacións ou residencias de maiores antes de acudir á recepción oficial no polideportivo Ezequiel Mosquera na Ramallosa.

Chegada en tren

Para as 15:50 horas está previsto que os Reis Magos baixen do tren na estación ferroviaria de Osebe. Alí estará agardándoos un autobús clásico con decoración de Nadal, co que efectuarán todo o percorrido programado para a Cabalgata. 

(EDITADO) Este ano, por razóns de seguridade, a chegada dos Reis ao andén da estación non se fará con público. As persoas que se acheguen a Osebe terán que agardar fóra da zona da estación para poder ver e saudar ás súas maxestades. Os nenos e nenas que se acheguen poderán estar cos Reis antes de que suban ao autobús co que percorrerán Teo, pero no exterior da estación. A decisión de non permitir o acceso do público á estación adóptase despois de que a concellaría de Cultura, dirixida por Mayte Argibay, recibira un informe do responsable de Protección Civil alertando de riscos na chegada do tren á estación con público infantil alí e non existindo barreiras físicas entre o andén e as vías. Podedes consultar o citado informe premendo aquí

Despois da chegada á estación e unha vez instalados no autobús a seguinte parada será no centro da Sociedade Recreativa de Calo (16:25 horas). A continuación acudirán ao local da Asociación Cultural A Pontevella en Pontevea (17:00 horas). Despois desprazaranse ao Centro Comercial dos Tilos (17:55 horas) e ás dependencias da Asociación Cultural Rosalía de Castro, en Cacheiras (18:30 horas). Ás 19:20 horas chegarán ao pavillón na Ramallosa.

Recepción oficial

A  partir de aí comezará a recepción oficial. Non obstante, o polideportivo xa abrirá as súas portas para a festa desde as 17:45 horas. Durante a agarda, os nenos e nenas disporán de elementos inchables para xogar e poderán participar en diversas actividades de entretemento infantil, como obradoiros e bailes. Non faltarán tampouco postos con flocos de millo e repartirase rosca e chocolate. Está previsto que os Reis Magos, ademais de escoitar as peticións de todas as persoas que se acheguen ao seu encontro, entreguen un agasallo especial a todos os nenos e nenas. 

O Nadal Solidario

Tampouco nesta ocasión os Reis Magos faltarán á súa cita coas persoas maiores das residencias ubicadas en Teo. No marco do programa Nadal Solidario dos Servizos Sociais municipais, acudirán ás residencias de Pontevea, á do Castro (Calo), á de San Simón de Ons (Cacheiras), á de Los Arcángeles e, finalmente, á do Complexo Residencial Victoria (Oza). Para esta Cabalgata especial, os Reis Magos teñen preparados tamén varios centos de agasallos para todas e cada unha das persoas que viven nas residencias situadas en Teo. Para a tarefa de repartilos contarán coa colaboración de varios paxes. Deste xeito, a ilusión propia destas datas poderá chegar a persoas de todas as idades.

Reis Magos

Arquivos descargables

Attachment Size
Informe chegada Reis Magos.pdf 822.95 KB