O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Teo volve poñerse de negro para conmemorar o 25 N

| compartir:

Teo conmemora o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, sumándose de novo á campaña En negro contra as violencias e cunha declaración institucional que precederá unha representación de teatro.

A campaña, que xa supera o centenar de vilas e cidades participantes, trata de sensibilizar a poboación sobre a violencia machista. Do 18 ao 25 de novembro convídase ao comercio, aos colexios, ás instalacións deportivas e ao
conxunto de axentes sociais a vestir de negro os seus locais e espazos públicos. Trátase de amosar o rexeitamento unánime da sociedade a todas as formas de violencia contra as mulleres e de facer de Teo un espazo libre de violencias machistas.

Para ser conscientes da gravidade deste problema público, basta lembrar que mil mulleres foron asasinadas desde 2003, ano en que empezaron a recollerse cifras de xeito oficial, ata o pasado 10 de xuño.
 

Declaración institucional
En canto ao acto municipal programado co gallo do 25-N, adiántase ao venres 22 de novembro. Terá lugar no Auditorio Constante Liste, situado na Ramallosa, e comezará ás 20:15 horas. No inicio darase lectura á declaración institucional da campaña En negro contra as violencias. As persoas encargadas de ler o manifesto serán representantes dos equipos femininos de fútbol do Praíña e do Calo. 

Despois, a partir das 20:30 horas, representarase no auditorio a peza teatral O rueiro das liortas, a cargo da compañía Elefante Elegante. O espectáculo da Compañía Elefante Elegante baséase na comedia da arte italiana e no teatro popular para afondar nas relacións de parella e nas dificultades para manter vivo o amor. Dirixida a todos os públicos desde os oito anos de idade, esta comedia iniciática, vista desde unha óptica feminina, combina o dinamismo dos elementos escenográficos que representan diferentes espazos, un actor e unha actriz que interpretan múltiples personaxes e un neno e mais unha nena que fan valer a súa verdade. 

O Elefante Elegante crea espectáculos de teatro visual baseados tanto no texto coma  no xesto e no movemento. As súas pezas, que buscan a universalidade, xorden da fusión de diferentes linguaxes: a palabra, o teatro físico, a danza, as artes plásticas e as artes visuais. Desta volta, ofrécennos unha obra de coidada estética na que as emocións, os afectos, o humor e o texto van da man para achegar a cativada e a mocidade ao teatro en lingua galega.

Podes ver aquí o trailer da obra.

Documental Mulleres

Na semana do 25 N continúan os actos no Concello coa proxección do documental Muller(es)Muller. Será o xoves 28 de novembro ás 19:30 horas no Salón de plenos e a entrada é de balde ata completar aforo. O documental, de 80 minutos, conta a historia de mulleres de tres xeracións, de seis familias con vidas moi diferentes. Na cinta fálase dos seus desexos, as súas loitas ou as súas contradicións. Tamén de como o feminismo transformou a sociedade. Muller(es)Muller conta coa participación das escritoras Marilar Aleixandre, Carmen Blanco, Yolanda Castaño, Olga Novo, Chus Pato e María Reimóndez. 

 

 

en negro

Arquivos descargables

Attachment Size
manifesto25N_ennegro.pdf 71.71 KB