Teo xa ten plantada a figueira de Rosalía en Luou

23-02-2022
Rosalía

Teo conta xa coa figueira de Rosalía de Castro no parque de Luou. Este 23 de febreiro, data na que se lembra no nacemento da escritora, fíxose a plantación dun fillo da figueira que está na Casa da Matanza, en Padrón. No acto, celebrado sobre as dúas da tarde, participaron Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía, a poeta Luz Fandiño, o alcalde, Rafael Sisto e María López, concelleira de Cultura. Tamén estiveron presentes concelleiras do Partido Popular de Teo e pechou a música do grupo Os Herdeiros da SR de Calo.

Durante a plantación Angueira destacou a vinculación do Concello de Teo coa figura de Rosalía destacando o poema “Miña Santa Margarida, Miña Margarida Santa” do libro Cantares Gallegos e que pode facer referencia á Santa Margarida de Luou. Explicou Angueira que a vinculación do Concello coa figura da nosa poeta máis recoñecida se ten demostrado nas celebracións destes días a través das alboradas, o caldo de gloria e diferentes iniciativas nos últimos anos. Teo tamén é mecenas da Fundación Casa Rosalía que coida e difunde o legado da escritora. 

O acto contou coa presenza da poeta Luz Fandiño subliñou a rebeldía de Rosalía e recomendou adentrarse na obra de Rosalía e facelo necesariamente a través de tres poemas: A xustiza pola man, Castellanos de Castilla e O son da gaita galega. 

O alcalde, Rafa Sisto, quixo salientar o labor que desenvolve a Fundación Casa Rosalía "e o apoio que lle dá aos concellos para que perdure a obra rosaliana e que deste xeito perdure a súa rebeldía, o seu feminismo e a sús dignidade". 

Serán Rosaliano o 26 na Ramallosa 

Despois do acto de hoxe nos próximos días o Concello seguirá honrando a Rosalía. O sábado organiza un Serán Rosaliano no que se vinculará a obra da autora con Teo. A función contará coa presenza de Tero Rodríguez, da compañía Os Quinquilláns, que será a mestra de cerimonias. No acto participarán os grupos de teatro municipais, tanto os de persoas adultas coma os de mocidade. Así mesmo haberá música con Xoán Curiel e a Asociación Rosalía de Castro de Cacheiras, e teremos algunha sorpresa relacionada coa ilustración da man de Raquel Germeade e mesmo co caldo de gloria.

A gala será o sábado 26 ás 18:00 horas no Auditorio Municipal da Ramallosa e para asistir haberá que inscribirse a través do formulario en liña premendo aquí.

O poema de Santa Margarida de Rosalía de Castro

Dende o Arquivo municipal achégannos unha imaxe do fondo local do poema Santa Margarida. "No día que conmemoramos o nacemento da nosa poetisa universal é bo lembrar a súa probable presenza na romaría de Santa Margarida de Luou, “avogosa das verrugas”, de grande tradición en toda contorna dende tempos inmemoriais. Dá testemuño o poema “Miña Santa Margarida, Miña Margarida Santa” que pecha o libro de “Cantares Gallegos” publicado o 17 de maio de 1863, a coñecida data que marca a referencia da celebración do Día das nosas letras" explica o arquiveiro, Pablo Sanmartín.  Nun pequeno folleto editado nos anos oitenta, que custodia o arquivo municipal, recóllese o poema xunto coa imaxe da santiña de Luou, venerada inicialmente na capela de Loureiro e posteriormente na igrexa parroquial.

Imaxe: Fondo local do Arquivo Municipal (Doazón A.P.)

 

santa margarida                         figueira