O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Sisto pide en Francos que non se dea osíxeno a Toysal, máis bloqueado ca nunca

| compartir:

O alcalde, Rafael Sisto, acompañado do seu grupo de goberno mantivo unha reunión informativa coa veciñanza da zona da Casalonga para informar das últimas novidades sobre a cuestión da canteira e a problemática coa empresa Toysal. Comezou explicando que "estamos aquí polo compromiso de informar, despois daquela xuntanza realizada no mes de xuño". Hai meses mantívose unha xuntanza en Francos e o rexedor comprometeuse coa veciñanza en volver cada certo tempo ou se había novidades das que dar conta.

O rexedor explicou que dende aquela se acordara no pleno de setembro a interposición dun recurso diante do Tribunal Supremo contra a sentenza do TSXG que avala o proceso expropiatorio da pista da canteira a favor da empresa Toysal. Sisto destacou que a reclamación xudicial diante do Supremo "é un proceso moi tasado que ademais para a súa admisión a trámite debe pasar un dobre filtro, primeiro no TSXG e logo no propio Supremo". Informou de que "a pesares de que no fondo da cuestión pensamos que temos razón, os servizos xurídicos non teñen plenas garantías de que sexa admitido, dadas as limitacións formais".

Así mesmo explicou que no ámbito xurídico "séguese estudando a posibilidade de ir á vía civil para reclamar a pista da canteira". Neste caso teríase que defender o uso público do viario xa que ao non ter un título de propiedade non se pode reclamar a titularidade. A pesares de que a argumentación xurídica para defender esto é complexa "agardamos avanzar neste sentido".

Suspensión da actividade

Logo pasou a explicar que en setembro de 2021, por parte do Concello, se declarara a suspensión cautelar da actividade de Toysal na canteira por non cumprir coas condicións da licenza de actividade. Ao pasar un ano desta decisión, neste mes de setembro ditase un decreto no que esta suspensión sería definitiva. Nese decreto rexeitanse as alegacións presentandas pola empresa e dáselle un prazo de tres meses para corrixir as deficiencias. En caso de que non se corrixan a suspensión será definitiva e para poder ter actividade tería que solicitar unha nova licenza no Concello.

Sisto explicou diante da veciñanza que "esas condicións son moi difíciles e supoñen un investimento económico moi importante xa que tería que facer unha nave e pechar todo o perímetro dos terreos da canteira". A maiores tamén debe tramitar un novo permiso en Augas de Galicia "que entendemos que é moi complexo que o poida ter neste tempo" indica o alcalde.

Entrevistas co dono de Toysal

A continuación pasou a explicar que a semana pasada, logo da reunión de Toysal coa voceira socialista, no Concello recibiuse unha chamada solicitando unha reunión coa alcaldía por parte do dono de Toysal. A entrevista fixouse para o luns 10 de outubro ás 11:00 despois de acordar que nesa xuntanza estaría o alcalde, a secretaria xeral do Concello e o arquitecto municipal, e que nela só se falaría de cuestións técnicas relacionadas coa actividade empresarial de Toysal no Concello.

A xuntanza, cunha duración de 12 minutos, centrouse nas preguntas da empresa sobre o decreto de suspensión da actividade. A estas cuestións respondeulle a secretaria xeral ao ser un tema principalmente xurídico. Os representantes de Toysal explicaron o seu desexo de explotar a canteira e preguntaron pola posibilidade de vincular esta actividade a unha planta de cemento, unha actividade que se lles explicou que non poden realizar nesa zona, xa que polo tipo de actividade industrial, esta debe desenvolverse nun polígono industrial.

Sobre o seu interese en explotar a canteira o alcalde explicou que lle indicara que "o Concello como institución nunca se opuxera á actividade da canteira en canto é unha actividade legal".

Cara o final da xuntanza os representantes da empresa comunicaron "que nese desexo de explotación tiñan a idea de pechar a estrada". Sisto destaca que "a proposta parecía máis ben unha provocación que ter unha intención operativa". O alcalde trasladoulles que "non compartimos esta decisión xa que está aberta unha reclamación xudicial sobre a pista pero que se o solicitan se estudará e se atenderá como calquera solicitude presentada no Concello". Ata o momento da reunión en Francos non presentaran ningunha solicitude nese senso.

Unidade

Unha vez rematado o relato do acontecido nos últimos días Rafael Sisto destacou que "neste momento mantemos que Toysal está máis bloqueado que nunca e busca unha contraprestación económica". Pedímoslle ao resto das forzas políticas que manteñan a unidade para evitar darlle osíxeno ás pretensións da empresa.

O alcalde reiterou que "non hai razóns para compensar a Toysal, unha empresa que quixo vir enchernos de merda e consideramos que non se lle debe pagar nada". Tamén explicou que se hai algún actor que quere pagarlle que o diga públicamente.

Sisto considera que "nos próximos dous anos a empresa non ten viabilidade de poder funcionar en Teo". Destacou que o mérito deste bloqueo "é en gran parte ao traballo administrativo realizado polo persoal técnico do Concello". E diante desta situación "Toysal ten que convencerse de que non vai ter actividade na canteira" dixo o rexedor. Salientou a importancia de non desmobilizarse e que dende a discrepancia que pode existir ao entender que pode haber saídas distintas para este problema a unidade debe ser un elemento a preservar para non darlle alento á empresa.

Na quenda de preguntas e intervención do público preguntáronlle ao alcalde pola posibilidade de sentarse co dono de Toysal para escoitar o que quere para marchar. Sisto reiterou que o Concello sentarase a falar deso sempre e cando estea a Xunta e coa presenza da Secretaria municipal, a que debe garantir que o que poida pedir a empresa é legal. En todo caso o alcalde foi moi explícito ao indicar "que as empresas teñen que asumir o risco empresarial e non vemos a necesidade de ter que compensar económicamente a Toysal. En Teo houbo por desgraza moitas pequenas empresas que tiveron que pechar coa crise e que merecería moito máis unha compensación ca Toysal, que só veu a enchernos de merda".

 

 

Francos