As árbores de noso "adórnanse" coa literatura infantil feita en Teo por mulleres

15-12-2022
escritoras

As árbores de noso son un dos elementos centrais da progamación de Nadal do Concello de Teo. E este ano veñen cunha sorpresa literaria. Cada árbore contará un conto dunha escritora teense. "Trátase dun proxecto do que nos sentimos moi orgullosas xa que podemos amosar unha parte da riqueza cultural do Concello e vinculala con estas datas de Nadal" destaca María López, concelleira de Cultura. 

As persoas que se acheguen ás árbores poderán descargar un código QR e ir escoitando as obras contadas polas propias autoras. Un total de oito escritoras, escollidas pola temáticas das súas obras ao ter que ser de literaratura infantil. 

As autoras que participan nesta iniciativa son Claudia Castro, Antía Otero, Charo Baleirón, Mercedes Pacheco, Patricia Gallego, Paula Carballeira, Beatriz García e Carmen Domech.

Todas elas amosaron a súa "honra e satisfacción por participar nesta idea que vai convertir a literatura infantil nun adorno de Nadal". A maiores destacan a importancia de "construír con xente de aquí ademais de empoderar ás mulleres e de xeito moi destacado ao local, amosando que dende aquí chegamos ao mundo". Así mesmo explican a importancia "de coñecernos e crear un vínculo entre nós". 

María López, salienta "o profundo agradecemento ás escritoras pola súa disposición e polo seu traballo". O círculo pecharase ademais na tarde de Reis cando as súas maxestades entreguen como agasallo a cada crianza un dos libros dalgunha das autoras que participan nesta idea. 

As gravacións xa se poden consultar na web denoso.teo.gal aínda que o bonito será ir visitando cada árbore e escoitalo alí. 

As árbores de noso inaugúranse este venres 16 e sábado 17 e para eso convídase á cidadanía a colaborar traendo un adorno para realizar unha decoración colaborativa e comunitaria. Podes consultar os horarios das inauguracións premendo aquí