Celébrase o 175 aniversario da Batalla de Cacheiras cun acto na Reitoral de Bamonde

13-04-2021
batalla

O 23 de abril conmemórase o 175 aniversario da Batalla de Cacheiras e dende a área de Turismo deseñaron un acto na Reitoral de Bamonde para presentar as visitas teatralizadas da Ruta da Batalla a cargo da compañía Quinquilláns que se farán este verán. O venres 23 ás 19:00 horas teremos un acto no que intervirá Pablo Sanmartín, responsable do arquivo municipal; Guillermo González Raviña, profesor e investigador e Xosé Mª. Lema Suárez, profesor e historiador. "Trátase de veciños do Concello que son grandísimos coñecedores deste capítulo da historia de Teo e de Galicia e que nos achegarán xenerosamente parte desa sabiduría" explica María López, concelleira de Turismo. 

O acto será no espazo exterior da Reitoral de Bamonde e por temas de aforo para asistir hai que anotarse previamente. Pode facerse enviando un correo electrónico a turismo@teo.gal indicando os datos das persoas asistentes ademais dun número de teléfono de contacto. Este será ademais o primeiro acto público nun espazo que era de xestión privada e que agora mesmo está cedida ao Concello por 35 anos. O convenio entre Concello e Igrexa asinado a finais de do 2018 permitiu a recuperación para uso público de tres espazos fundamentais de tres parroquias: a reitoral de Bamonde, a Horta do cura en Luou e a finca da Tomada en Calo. Dende a Reitoral de Bamonde ademais sae unha das Rutas turísticas máis destacadas do Concello que remata en Montouto e lembra a Batalla do 1846 na que se enfrontaron as tropas sublevadas do coronel Miguel Solís e as tropas enviadas dende Madrid dirixidas polo xeneral Gutiérrez de la Concha, que precisamente durmiran en Bamonde. No ano 1846 Montouto foi escenario dunha batalla que mudou Galicia. Foi o penúltimo capítulo dun movemento liberal, galeguista, provincialista, progresista e ata idealista e ro-mántico que, a pesar da derrota, achegou a Galicia á modernidade.

Dende Turismo están deseñando un acto que terá continuidade este verán xa que Os quinquilláns ofrecerán un adianto dos roteiros dramatizados sobre a Batalla de Cacheiras que se farán nas fins de semana dos meses de xullo, agosto e setembro. A proposta será unha ruta dende Bamonde ata o mirador de Montouto con case 9 quilómetros de percorrido. O actor e actriz farán varias paradas nas que debullarán parte deste acontecemento histórico. A previsión é que estes rutas dramatizadas se realicen os sábados de xullo e agosto pola mañá e os domingos de setembro tamén en horario de mañá. Para anotarse abrirase a inscrición no mes de xuño.