A programación cultural de xaneiro comeza cun concerto familiar

30-12-2020
chuches amil

A programación cultural do mes de xaneiro comeza o sábado 2 de xaneiro ás 18:00 horas cun concerto familiar no Auditorio. Será o espectáculo Chuches Amil con Fran Amil. A actividade é de balde pero hai que reservar entrada escribindo ao correo-e entradascultura@teo.gal indicando os datos das persoas que van asistir e un teléfono de contacto. (AVISO. O concerto de Fran Amil xa ten o aforo completo). 

Na primeira fin de semana do ano tamén teremos unha visita moi especial. O paxe real das SSMM os Reis Magos de Oriente visitará o Recuncho Cultural de Nadal para recoller persoalmente as cartas para Melchor, Gaspar e Baltasar. Será o sábado 2 e domingo 3 de 17:00 a 20:00 horas. Para asistir non é preciso reservar entrada pero si manter as distancias de seguridade entre núcleos familiares para evitar riscos. Nestas dúas xornadas haberá venda de churros e rosquillas diante do Auditorio, onde está colocado o Recuncho cultural de Nadal. 

Autocabalgata de Reis

O 5 de xaneiro chega o momento dos Reis Magos de Oriente e da súa visita anual a Teo. Este ano, a pesares da crise sanitaria, chegan tamén ao Concello e percorrerán as parroquias na mañá do día 5 no seu autobús real. Pola tarde estarán no campo da festa de Cacheiras nun formato novidoso de Auto cabalgata de Reis.

Máis información sobre a Autocabalgata premendo aquí e se queres reservar entrada preme aquí

A programación para público infantil péchase en xaneiro co concerto Brinca Vai de aquí a acolá con Paco Nogueiras o sábado 23 ás 18:00 horas no Auditorio Constante Liste. Para reservar praza hai que escribir a entradascultura@teo.gal indicando os datos dos asistentes e un teléfono de contacto. 

Público adulto

A programación de xaneiro para adultos centrarase na actividade teatral de Redrum Teatro. O venres 8 ás 20:00 horas no Auditorio Constante Liste poderemos ver a peza O mozo da última fila da citada compañía. A entrada é de balde pero hai que reservar escribindo a entradascultura@teo.gal.

O venres 15, tamén ás 20:00 horas, haberá un coloquio teatral sobre o espectáculo Invisibles, de Redrum Teatro. Está dirixido a público adulto e para asistir hai que reservar en entradascultura@teo.gal. Invisibles é unha adaptación do libro homónimo da periodista Montse Fajardo que relata casos reais de violencia de xénero sufridos por sete mulleres galegas. Está protagonizado por Mela Casal, Sheyla Fariña e Neves Rodríguez baixo a dirección de Marián Bañobre, segundo indican dende Redrum Teatro.

As actividades da programación cultural son para persoa empadroadas en Teo. 
Dende o Departamento de Cultura lémbrase que o programa cultural está adaptado ás normativas en vigor pola Covid-19 e supeditada a posibles cambios ou suspensións.