O San Martiño aposta por recuperar a actividade festiva nas vésperas

22-10-2019
san martiño

A feira do San Martiño este ano cadra a a luns e a programación municipal fai unha aposta clara por ter actividade festiva nas vésperas. A fin de semana do sábado 9 e domingo 10 teremos un completo programa de actividades no entorno da carballeira de Francos. O luns 11, día do San Martiño, culminará coa celebración da feira cabalar, unha cita que se celebra dende 1557. 

O sábado 9 de novembro teremos actividades no mercado de alimento labrego dos Tilos. Ás 12:00 horas realizarase un obradoiro de cabalos de pau con carreira final e teremos mostra de produtos de outono. Pola tarde ás 16:30 horas haberá unha mosta de salto cabalar na Piollosa, en Francos. 

O domingo 10 de novembro teremos a xa tradicional andaina do túnel ás 11:00 horas. A saída farase dende a escola de Francos e farase un percorrido circular de 8 quilómetros de dificultade media. Cara o mediodía, ás 13:30 horas, na carballeira actuación da Escola de Gaitas de Ortigueira. Durante a tarde na carballeira haberá xogos tradicionais para todos os públicos, paseos en poni para público infantil e un obradoiro de arte rupestre. Consulta os horarios concretos no programa premendo aquí. Ás 20:00 horas na carpa municipal teremos o concerto dos Amigos dos Músicos. E dende as 21:30 horas, nas carpas dos polbeiros, celébranse os II Cantos de taberna da véspera. Esa noite tamén haberá un espectáculo na Barraca de Barriga Verde, dentro da programación de Titiriberia

O luns 11, o día da feira, será o momento dos cabalos, da venda ambulante e dos polbeiros, protagonistas desta feira centenaria. Sen embargo o artesanado de Teo tamén terá un espazo destacado. Será na carpa municipal na que se poderán ver o traballo de varios artesanos/as recoñecidos que son de Teo ou teñen o seu taller aquí. Ademais poderemos coñecer os viños de Teo con Denominación de Orixe e haberá postos do mercado labrego dentro da carpa. Nesa mañá contaremos ademais co espectáculo O cego na feira para animar aos visitantes. 

Dende a organización lémbrase aos tratantes a obriga de acudir co DIE (Documento de Identificación Equina) e co código REA da explotación.