O San Martiño contará cos cantos de taberna da véspera

15-10-2019
san martiño

O Concello traballa no progama do feira do San Martiño de Francos. Trátase da festa máis antiga e tradicional das que se celebra no Concello, acreditada desde 1557. E como xa se fixo en anos anteriores nesta edición do 2019 increméntase a actividade na véspera do 11 de novembro. Este ano celébrase a II edición dos Cantos de taberna da véspera do San Martiño. 

Os grupos cantareiros interesados en participar pódense inscribir ata o 31 de outubro enviando un correo electrónico a alcaldia@teo.gal. Poderán particpar ata nove grupos con dez integrantes como tope cada un deles. 

Está previsto que os grupos cantareiros pasen polos postos do polbo na Carballeira de Francos entre as 21:30 e as 23:30 horas do domingo 10 de novembro, xunguindo así a gastronomía e a música populares. O repertorio de pezas é libre e pode variarse durante o percorrido.

Cada unha das formacións disporá de 50 minutos para cantar na polbeira asignada e outros 10 minutos para mudar. As dez persoas cantareiras serán convidadas a bebida e polbo en cada posto, tal como se recolle nas bases da actividade, organizada polo Concello.

Os grupos terán que acudir ás 21:00 horas do propio domingo 10 ata a antiga escola de  Francos para recoller as acreditacións coas que actuar, de acordo cos datos cos que formalizaran a súa inscrición. 

Consulta aquí as bases dos Cantos de taberna da véspera do San Martiño