O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Ábrese o prazo de renovación de prazas nas escolas infantís municipais

| compartir:

O Concello de Teo abre o prazo para a solicitude de praza nas Escolas Infantís Municipais dos Tilos, Calo e A Ramallosa para o vindeiro curso 2018-2019. O número total de prazas ofertadas por escola é o seguinte: na EIM dos Tilos 38, na EIM de Calo 51 e na EIM da Ramallosa 66 prazas. En cada escola resérvanse tres prazas para emerxencias sociais.

O prazo para as solicitudes de renovación de praza dos nenos/as que xa están asistindo a algún dos centros e cuxos membros da unidade familiar se atopen empadroados no concello, abrangue desde o día 1 e ata o día 15 de marzo. Neste caso os impresos de solicitude xa llos entregan nas escolas aínda que tamén se poden descargar premendo aquí ou recoller nas oficinas municipais.

O prazo para as solicitudes de novo ingreso, é dicir, nenos/as que non estean asistindo a ningunha das escolas, abrangue desde o día 16 de marzo e ata o 2 de abril. Tamén se pode presentar solicitude de praza para nenos/as non nados/as cando a data prevista de parto sexa anterior ao 1 de xuño. As solicitudes de novo ingreso pódense recoller nas oficinas municipais, nos servizos sociais ou descargar directamente premendo aquí.

É importante lembrar que nos dous casos, de reserva de praza e de novo ingreso, é necesario entregar a solicitude no Rexistro Xeral do Concello dentro dos prazos habilitados.

No caso das solicitudes de novo ingreso, xunto co impreso de solicitude deberán achegar a seguinte documentación: fotocopia do libro de familia, fotocopia do DNI dos dous membros parentais ou responsables legais e as declaracións da renda do exercicio anterior, ou certificado negativo relativo á obriga de efectuar declaración do IRPF no que se faga constar os ingresos das persoas responsables legais do/a menor. Ademais deberase achegar aquela xustificación de situacións puntuables no baremo de acceso como a condición de familia numerosa, a discapacidade dalgún membro da unidade familiar ou a monoparentalidade.

O Departamento de Benestar, dirixido por Ignacio Iglesias, convoca unha reunión informativa dirixida aos pais, nais ou titores de nenos e nenas que queiran solicitar praza nas escolas infantís de cara ao próximo curso 2018-2019 para falar do proceso de acceso, do funcionamento das escolas, etc., así como de resolver posibles dúbidas, que terá lugar o xoves 15 de marzo ás 19:30 horas no salón de plenos do Concello na Ramallosa.

Obras

Este ano está previsto que a escola infantil dos Tilos teña un novo patio exterior antes da primavera. Esta obra consistirá en adecuar o actual espazo para facelo máis seguro e adaptado ás necesidades da comunidade escolar.

No mes de agosto a Escola Infantil da Ramallosa estará pechada para abordar obras necesarias no patio exterior e nunha aula. No patio exterior construirase unha cuberta que faga posible a súa utilización os días de sol intenso. Esta sombra será beneficiosa para regular a temperatura da aula dos e das bebes. Ademais cambiarase un baño dunha das aulas interiores.

 

Consulta aquí a convocatoria de renovación de praza nas eims

escolas infantís

Arquivos descargables