Ábrese o prazo para o NOVO INGRESO nas escolas infantís municipais

Data presentación
Data presentación fin

O Concello de Teo abre o prazo para a solicitude de praza nas Escolas Infantís Municipais dos Tilos, Calo e A Ramallosa para o vindeiro curso 2018-2019. O número total de prazas ofertadas por escola é o seguinte: na EIM dos Tilos 38, na EIM de Calo 51 e na EIM da Ramallosa 66 prazas. En cada escola resérvanse tres prazas para emerxencias sociais.

O prazo para as solicitudes de novo ingreso, é dicir, nenos/as que non estean asistindo a ningunha das escolas, abrangue desde o día 16 de marzo e ata o 2 de abril. Tamén se pode presentar solicitude de praza para nenos/as non nados/as cando a data prevista de parto sexa anterior ao 1 de xuño. As solicitudes de novo ingreso pódense recoller nas oficinas municipais, nos servizos sociais ou descargar directamente premendo aquí

É importante lembrar que é necesario entregar a solicitude no Rexistro Xeral do Concello dentro do prazo habilitado.

No caso das solicitudes de novo ingreso, xunto co impreso de solicitude deberán achegar a seguinte documentación: fotocopia do libro de familia, fotocopia do DNI dos dous membros parentais ou responsables legais e as declaracións da renda do exercicio anterior, ou certificado negativo relativo á obriga de efectuar declaración do IRPF no que se faga constar os ingresos das persoas responsables legais do/a menor. Ademais deberase achegar aquela xustificación de situacións puntuables no baremo de acceso como a condición de familia numerosa, a discapacidade dalgún membro da unidade familiar ou a monoparentalidade.

O Departamento de Benestar, dirixido por Ignacio Iglesias, convoca unha reunión informativa dirixida aos pais, nais ou titores de nenos e nenas que queiran solicitar praza nas escolas infantís de cara ao próximo curso 2018-2019 para falar do proceso de acceso, do funcionamento das escolas, etc., así como de resolver posibles dúbidas, que terá lugar o xoves 15 de marzo ás 19:30 horas no salón de plenos do Concello na Ramallosa.