O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Teo, Ames e Santiago impulsarán unha mancomunidade virtual para a xestión do patrimonio arqueolóxico da zona

| compartir:

A concelleira de Cultura de Teo, Pilar Faxil, participou esta semana nunha xuntanza cos Concellos de Ames e Santiago e a Deputación da Coruña para impulsar a arte rupestre nesta área. Nesta reunión estiveron os edís de Ames, David Santomil e o de Santiago, Jorge Duarte, ademais do deputado provincial desta área Xosé Regueira. Neste encontro acordouse constituír un plan comarcal de ámbito supramunicipal entre os tres concellos e solicitar financiamento á Deputación da Coruña, para o que se estableceu un calendario de xuntanzas entre todas as partes implicadas para avanzar na constitución dunha mancomunidade virtual no ámbito arqueolóxico e do patrimonio cultural.

Os concellos de Teo, Ames e Santiago constitúen unha área arqueolóxica das más importantes de Galicia, xa non só pola abundancia, senón pola calidade e conservación dos petróglifos. Actualmente pódense contar máis de cen xacementos entre os tres municipios no val da Maía e a contorna fluvial do río Sar.

Petróglifos BICs en Teo

De feito Teo xa recibía en decembro do ano pasado a declaración de BIC para tres petróglifos: o Río de Angueira ou de Monte de Cornide; o petróflifo Outeiro do Corno I e Pena Bicuda de Loureiro. Este recoñecemento da Xunta demostra a importancia destas estacións arqueolóxicas. De feito dende Teo xa se traballa dende hai anos na posta en valor dos mesmos con roteiros nocturnos realizados en colaboración co colectivo A Rula.

Tamén dende o departamento municipal de Turismo, dirixido por Conchi García, solicitou unha subvención ao Ministerio de Fomento para mellorar a accesibilidade e a sinalización do petróglifo Río de Angueira. Esta axuda xa se tramitara coa Xunta de Galicia, que non a admitiu porque se lle remataron os fondos sen poder atender todas as solicitudes. Nos últimos anos o traballo transversal das distintas áreas do goberno de Teo permitiron limpar algúnhas das zonas de máis riqueza patrimonial e mantelos así protexidos por exemplo de agresións coma os lumes forestais.

Dende Teo explícase que un dos maiores problemas para a protección dos petróglifos é a propiedade dos mesmos xa que a maioría son de particulares. Esto dificulta enormemente a súa posta en valor e mesmo manter a propia integridade das estacións, como se ten demostrado nos últimos meses con agresións ao patrimonio. Á vista destas circunstancias unha das prioridades debería ser facerse coa propiedade destas zonas para que foran espazo público.

Riqueza patrimonial

A riqueza arqueolóxica e patrimonial dos concellos de Teo, Ames e Santiago levou aos responsables das áreas de Patrimonio a establecer un calendario de xuntanzas para levar a bo porto a constitución dunha mancomunidade nese ámbito, da que resulte a elaboración dun plan director comarcal para o que solicitarán o financiamento da Deputación da Coruña. Dende Teo Pilar Faxil destaca "a necesidade deste plan director que ten que servir de guía para o traballo nesta área nos vindeiros anos".

Dende o Concello de Teo sumámonos ao agradecemento que expresa Ames e Santiago ao colectivo A Rula polo traballo que están a desenvolver para poñer en valor esta área rupestre, así como a proposta presentada para agrupar aos tres concellos neste proxecto.

Petróglifo