O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o 3 de setembro de 2025
O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o 3 de setembro de 2025
O Concello de Teo remitiu esta semana unha carta ao Ministerio de Interior, a través da Subdelegación do Goberno na provincia da Coruña, para solicitarlle un Punto de Actualización de Documentación (PAD), dispositivo habilitado a tal efecto pola Dirección Xeral da Policía.
Este servizo permite efectuar a actualización de certificados dixitais e/ou a modificación de datos do Documento Nacional de Identidade electrónico (DNIe). Un servizo moi necesario xa que Teo conta cunha poboación numerosa e en constante crecemento, cunha elevada demanda de trámites administrativos que requiren precisamente a actualización de documentación dixital.
De feito, na actualidade, a veciñanza de Teo tense que desprazar a outras localidades colindantes para efectuar a correspondente actualización de documentos, unha situación difícil sobre todo para persoas maiores, con mobilidade reducida ou con dificultades de conciliación, feito que afecta de forma negativa ao principio de accesibilidade aos servizos públicos e á promoción da administración electrónica.
Na misiva remitida á Subdelegación, a alcaldesa Lucía Calvo de la Uz manifestaba expresamente a súa plena disposición a colaborar co Ministerio do Interior e coa Dirección Xeral da Policía, comprometéndose a poñer a disposición un espazo adecuado en dependencias municipais e a cumprir os requisitos técnicos e de seguridade que se determinen para a correcta instalación e funcionamiento do citado dispositivo.