O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

Teo instala un centro de provisións para os damnificados dos terremotos en Venezuela

| compartir:

A alcaldesa, Lucía Calvo de la Uz, reuniuse esta mañá co presidente da Asociación Sociocultural de Venezolanos en Santiago - Avesanti, Francisco Javier Salas Gutiérrez, para trasladarlle todo o seu apoio á comunidade de persoas venezolanas e coñecer de primeira man as novas que chegan desde este país amigo. 

De feito, a rexedora municipal accedeu a instalar un centro de provisións para os damnificados na nave do Servizo Municipal de Emerxencias, sito no número 58 de Lucí. Da loxística e traslado dos produtos ocuparase a propia asociación, quen xa ten os puntos de traslado localizados. 

Así, a veciñanza poderá contribuír coa doazón de alimentos non perecedoiros, tales como latas, auga embotellada, cereais, legumes ou fórmulas de leite infantil; medicamentos e material de curas, como soros fisiolóxicos, vendas e apósitos; produtos de hixiene persoal e cueiros, tanto para persoas maiores como para bebés; así como con ferramentas manuais, como martelos, mazas, pas, picos; e equipos de protección individual tales como guantes, protección para os ollos, cascos ou máscaras. 

A nave do Servizo Municipal de Emerxencias permanecerá aberta en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas, de luns a venres, para que todas aquelas persoas interesadas en colaborar poidan deixar alí os produtos achegados. O Concello de Teo quere agradecer de antemán a solidariedade da veciñanza teense, que noutras desgrazas sufridas, colaborou de forma enérxica e sen contemplacións. A partir de mañá, 1 de xullo, poderanse levar os enseres.

foto