O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o mércores 2 de setembro, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o mércores 2 de setembro, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Pleno do Concello de Teo aprobou onte, con nove votos a favor, dous en contra e seis abstencións, a ordenanza reguladora de xestión de residuos municipais do Concello, tal e como esixe a Lei e que arestora non existía no municipio como tal.
Trala súa aprobación inicial no Pleno de xuño, o Concello recibiu un total de 10 alegacións por parte da empresa Ecovidrio. Destas propostas, oito foron aceptadas, das cales cinco de forma parcial ou con modificacións e, por último, dúas foron rexeitadas.
Esta ordenanza recolle aspectos tan importantes como a separación das distintas fraccións de residuos, o uso dos colectores, a recollida de residuos especiais e voluminosos, o funcionamento do Punto Limpo acorde á vixente Lei e as obrigas e dereitos da cidadanía. Ademais, con esta norma búscase tamén dar resposta a problemas como os vertidos incontrolados, o abandono de residuos ou o uso incorrecto dos sistemas de recollida.
Os obxectivos da norma pasan por fomentar comportamentos e actitudes encamiñadas a manter o municipio limpo, promovendo unha correcta economía circular. Para iso, a ordenanza recolle un marco flexible que permitirá adaptar e mellorar o servizo segundo as necesidades do propio concello, así como adaptalo a novos cambios na normativa nacional ou europea.
Mocións
Con motivo do Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller, o Pleno aprobou onte unha Declaración Internacional a proposta do Partido Popular na que garante o compromiso do Concello de seguir traballando nesta loita para que a sociedade estea totalmente concienciada e involucrada na defensa das mulleres e das súas familias. Así mesmo, aprobou continuar coa campaña de sensibilización “Avanzar é posible. Implícate” e seguir achegando obradoiros e actividades que fomenten a educación en materia de igualdade e contra a violencia de xénero aos centros educativos. Unha declaración que contou unicamente cos votos a favor do Partido Popular e as abstencións dos demais grupos da Oposición.
Así mesmo, no apartado de mocións de urxencia, o Partido Popular presentou unha sobre a implantación dunha antena de telecomunicacións na área próxima a Vilar de Calo e ao Milladoiro, coa finalidade de establecer unha coordinación intermunicipal entre os concellos de Teo e Ames e coordinar a súa construción co fin de minimizar o impacto visual e paisaxístico para ambos lugares.