O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o 3 de setembro de 2025 

O Concello lanza a campaña “Teo, todo por descubrir”

| compartir:

O Concello de Teo presenta a campaña “Teo, todo por descubrir”, con máis dunha trintena de experiencias turísticas sostibles para todo o ano 2026 vinculadas á natureza, patrimonio e cultura local. O obxectivo principal é posicionar a Teo como un destino próximo, auténtico e accesible, tanto para visitantes externos como para a propia cidadanía; así como apoiar tamén o desenvolvemento local e cultural e fomentar un turismo responsable, participativo e de calidade. 

De feito, a campaña deste ano 2026, ao igual que as anteriores, está centrada no turismo de proximidade, dirixidas a un público familiar e adulto e fomentando o orgullo e a identificación co territorio. Así, entre as actividades programadas destacan algunhas con especial participación activa da veciñanza, como no caso de tertulias ou obradoiros, así como rutas caracterizadas. 

A novidade deste ano ten que ver coa propia imaxe da campaña, cunha imaxe principal representativa do territorio e asociada á idea de camiño e descubrimento, cun código QR onde todos os interesados poderán coñecer a oferta turística e cultural de todo o ano. Ese código está directamente entrelazado cunha landing page específica da campaña, aloxada na propia páxina turística do Concello de Teo: turismo.teo.gal/actividades; coa finalidade dobre de potenciar tamén esta canle e convertila nun espazo de referencia da información turística municipal. Desta forma, a programación actualizarase de xeito progresivo, posto que non é unha axenda pechada, senón un proceso continuo no que se incorporarán experiencias culturais, patrimoniais, gastronómicas e creativas en colaboración con entidades locais. 

Entre a trintena de actividades proxectadas, destacan os grandes eventos municipais como a Festa da Nai, no mes de maio; o Concurso Morfolóxico Cabalar, no mes de agosto; a Feira Cabalar do San Martiño de Francos, en novembro; e a campaña de Nadal con programación propia. 

A estes grandes eventos, hai que sumarlle tres tertulias onde os protagonistas serán as asociacións, como a programada para o vindeiro venres, 27 de febreiro, sobre os Xenerais da Ulla; a dos Camiños Xacobeos, en abril; ou a de Tradición Cabalar, en novembro. Tamén destacan diversos obradoiros: de cerámica, de pintura ou de cociña; así como varias rutas interpretativas e teatralizadas que poñen en valor a historia e a paisaxe local. Tamén se celebrará a máis que coñecida Batalla de Cacheiras, non só coa clásica carreira pedestre, senón cunha recreación histórica popular deste enfrontamento bélico, que vai xa polo seu 180 aniversario. No tocante ao turismo de natureza, destacan baños de bosque e de natureza, non só para público adulto senón tamén para os máis cativos, como é o caso da recollida das herbas de San Xoán. 

Por último, nesta programación municipal, tamén hai cabida para apoiar ao sector artesanal e empresarial do Concello. De feito, vén recollido no código QR os “Días Europeos da Artesanía” e a “Festa dos Maios”, organizada pola Asociación Cultural de Artesanía de Teo – Arteneo; así como a presentación pública da Asociación de Empresario de Teo. 

Cómpre salientar que cada unha das actividades programadas contará co seu correspondente cartel e promocionarase na páxina web do Concello e no site de Turismo, así como nas redes sociais municipais. Desta forma, os interesados poderán inscribirse con tempo nas actividades e poder desfrutar así dun calendario pensado para a xente en xeral e a veciñanza de Teo en particular. Con esta campaña, o Concello consolida un modelo turístico anual, sostible e participado, no que cada estación ofrece novas oportunidades para descubrir Teo ao longo do tempo.

foto

Arquivos descargables

Attachment Size
Cartaz_Turismo_Teo_2026.pdf 4.8 MB