O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o 3 de setembro de 2025 

Completada a renovación da rede de abastecemento na rúa Loureiro

| compartir:

O Concello e Augas de Galicia, dependente da Xunta de Galicia, completaron as obras de renovación da rede de abastecemento na rúa Loureiro, actuación que beneficia a máis de 200 familias dos Tilos, un dos principais núcleos de poboación do concello. A alcaldesa, Lucía Calvo de la Uz, acompañou esta mañá á conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, na visita que realizou á zona na que se executou a intervención, acompañadas polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández.

En canto á actuación —acometida polo Concello e cun investimento de 30.100 euros financiados na súa totalidade pola Xunta— cómpre indicar que os traballos consistiron na substitución da rede antiga de abastecemento que recorre esta rúa e da que parten todas as acometidas que dan servizo aos edificios localizados ao longo da vía.

Tras lembrar que a veciñanza desta zona sufría cortes puntuais de auga por avarías bastante frecuentes na rede, coas conseguintes molestias e custos de reparación, a conselleira destacou que grazas á renovación executada na condución as vivendas da rúa Loureiro terán garantido un subministro de auga potable continuo e de calidade e lembrou que con anterioridade o Concello xa acometera tamén nos Tilos os traballos necesarios para renovar a rede de abastecemento das rúas Carballo e Buxo.

Esta obra enmárcase nun convenio de colaboración subscrito en novembro do ano pasado entre a súa Consellería e o Goberno municipal, unha fórmula que se utiliza habitualmente para apoiar ás entidades locais co financiamento de pequenas actuacións hidráulicas moi necesarias.

O aglomerado da rúa Loureiro e a reparación das beirarrúas correu á cargo de fondos propios do Concello. 

foto