O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o 3 de setembro de 2025
O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o 3 de setembro de 2025
Os carnavais dos Xenerais da Ulla volven un ano máis a encher de cor e música o concello. As comisións organizadoras están a traballar arreo para que estas datas de festa se fagan notar en todo o territorio.
De feito, este domingo comezan os atranques na parroquia de Oza. As Comparsas, os Xenerais e os Correos percorrerán a parroquia para rematar no campo da festa a partir das 20.00 horas.
A seguinte parroquia que toma a testemuña é Lucí, cuxo atranque está previsto para o sábado, 31 de xaneiro, ás 20.00 horas no campo da festa. Ao día seguinte, domingo 1 de febreiro, será a quenda de Rarís, cuxo atranque tamén está programado para as 20.00 horas no campo da festa.
Na fin de semana do 7 e 8 de febreiro, os Xenerais da Ulla desfilarán pola parroquia de Reis. O sábado terán o seu atranque no campo da festa e o domingo no aparcadoiro de Pontevea, ambos os dous ás 19.30 horas da tarde.
A parroquia de Santa María de Teo celebrará o entroido o 14 de febreiro, estando programado o atranque para as 20.00 horas no campo da festa. Ese mesmo día comezarán tamén os desfiles en Cacheiras, cuxos atranques están previstos para o sábado 14 e domingo 15 na explanada do cemiterio ás 19.30 horas dat tarde.
Festa de Interese Turístico
O Entroido dos Xenerais da Ulla remonta as súas orixes á primeira metade do século XIX e baséase nos enfrontamentos bélicos que se viviron na comarca nese período: a invasión do exército napoleónico, a revolución do 1846 ou as guerras carlistas.
As personaxes máis importantes son os xenerais e os correos a cabalo, que percorren as parroquias ao longo do día dando vivas a veciños e visitantes, acompañados dun “exército” de abandeirados, coros, comparsas e parrandas. Rematan escenificando un atranque ou alto, enfrontamento dialéctico por parellas, aproveitado para facer burla e sátira de asuntos locais, de política ou do corazón.
O Entroido dos Xenerais da Ulla foi declarada Festa de Interese Turístico de Galicia no ano 2013 e celébrase en oito concellos: A Estrada, Boqueixón, Santiago de Compostela, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces, os cales colaboran conxuntamente na revitalización e promoción deste evento.
Toda a información e o calendario do Entroido dos Xenerais da Ulla pode consultarse en www.xeneraisdaulla.com
