O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o 3 de setembro de 2025 

O Pleno aproba de forma definitiva o Plan Parcial do SUND 12 do parque industrial e comercial da Ramallosa

| compartir:

O Pleno do Concello de Teo aprobou hoxe de forma definitiva o Plan Parcial do SUND 12 do parque industrial e comercial, o cal se situará na zona da Ramallosa, con 8 votos (PP) a favor e 6 abstencións (BNG e PSOE).

Este plan parcial, que foi promovido e impulsado nos últimos meses polo actual equipo de Goberno logo de 15 anos de parálise, estivo dous meses a exposición pública e só recibiu dúas alegacións: unha estimouse parcialmente e a outra non, dado que non se axustaba á normativa urbanística vixente nin aos obxectivos do Plan Parcial. Ademais, logo de recibir os informes sectoriais, o Pleno aprobará na súa reunión de hoxe a súa aprobación definitiva.

Este proxecto plantea o desenvolvemento urbanístico de máis de 11 hectáreas de terreo -industrial e terciario- na Ramallosa, aos dous lados da estrada autonómica AC-841. O polígono terá un deseño de escaparate cara a estrada. Ademais, inclúese a reserva de solo para dispoñer dun aparcamento de 144 prazas próximo ás paradas de autobús e 2,85 hectáreas de zona verde. Agora, o seguinte pasó será a xestión do solo e a urbanización da zona para obter solares edificables. 

Festivos locais 2026

Outro punto que se debateu e aprobou esta tarde no Pleno do mes de xullo foi a proposta da Alcaldía sobre os festivos locais para o ano 2026. Así, propúxose ao Pleno da Corporación fixar como festivos locais os días da Ascensión (14 de maio) e do San Martiño (11 de novembro), dado que se que vén fixando dende hai moitos anos como festas locais neste municipio. Unha vez aprobada a proposta, darase traslado do acordo á Xefatura Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. 

Así, propúxose o 11 de novembro, festividade do San Martiño, porque ten unha gran importancia para o municipio teense, xa que a feira cabalar é o evento socio-cultural e económico máis importante do concello e que se vén celebrando dende hai máis de 500 anos. Doutra banda, dada a proximidade coa capital galega, cómpre tamén fixar o día da Ascensión como festa local teense, posto que milleiros de veciños e veciñas de Teo acoden a celebrar esta festividade en familia. 

POS+ ADICIONAL 2025

O Pleno desta tarde tamén aprobou a proposta de Alcaldía para participar na segunda fase do Plan provincial e cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concellos) “POS+ Adicional 2/2025” da Deputación Provincial da Coruña para levar a cabo o proxecto de saneamento en Chao do Río e a segunda fase do Ferreiriño, por importe de 849.828,07 euros. 

Neste senso, cómpre aclarar que o Concello ten a dispoñibilidade dos terreos, augas e servidumes para a execución dos investimentos, e que ten resolto todo o relacionado coas concesións e autorizacións administrativas que legalmente sexan necesarias.

foto