O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o 3 de setembro de 2025 

O Concello logra que Adif modifique o proxecto das pantallas acústicas en Francos e Osebe que pasarán a ser translúcidas

| compartir:

A alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, recibiu a notificación da entidade pública do Adif sobre o cambio no proxecto de instalación de pantallas acústicas nos lugares de Francos e Osebe. 

Neste senso, confírmase que, salvo tres pantallas que xa están colocadas, o resto serán translúcidas para así permitir que a luz solar poida pasar igualmente e sexa menor o impacto visual negativo de cara ás vivendas afectadas.

A alcaldesa agradece este cambio, pois o malestar entre a veciñanza afectada era totalmente comprensible dado que o proxecto inicial contemplaba pantallas opacas dunha altura considerable. O feito de que foran opacas supoñía unha importante perda da calidade visual das vivendas afectadas, malestar que a rexedora lles trasladou aos técnicos en varias xuntanzas.

Queixas veciñais

Cabe lembrar que o Consistorio recibira diversas queixas veciñais respecto ao tamaño e á disposición dos elementos de protección contra a contaminación acústica no tramo do eixo atlántico de alta velocidade que discorre polo termo municipal de Teo. Concretamente, á altura das vivendas situadas no lugar de Francos nos números 115 e 117, así como no lugar de Osebe 145.

A propia alcaldesa trasladárase en xaneiro á zona para coñecer de primeira man esas queixas e peticións dos veciños, levando ese mesmo mes ao Pleno unha moción de urxencia para instar ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible a revisar os cálculos de illamento e propagación acústica para intentar buscar outra solución que supuxera unha menor afección aos veciños do Concello. Unha demanda que tamén foi trasladada por carta ao propio Ministerio dende o consistorio teense.

foto