O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o 3 de setembro de 2025
O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o 3 de setembro de 2025
O Concello licita o contrato para a reurbanización da rúa Rosalía de Castro, na urbanización Parque Montouto, así como mellorar e renovar a infraestrutura necesaria para dispoñer da evacuación de augas pluviais e residuais (aquelas que xa dispoñan de tales servizos pero que na actualidade non contan cun sistema separativo). O importe deste contrato ascende a 619.157 euros. Os interesados teñen toda a información na Plataforma de Contratación do Sector Público e poderán presentar as ofertas ata o vindeiro 2 de decembro.
As obras consistirán na demolición das actuais beirarrúas, que se atopan moi deterioradas, substituíndoas por un novo pavimento de formigón con acabado superficial rugoso. En canto á calzada, aplicarase unha nova capa de rodaxe. Ademais, debido á falta de espazo físico entre as vivendas nº63 e nº81 da rúa Rosalía de Castro, disporase dunha plataforma única (mixta para o tránsito peonil e de vehículos), toda ela pavimentada en formigón lavado, cun uso preferente para os peóns, para así permitir o dobre sentido de circulación dos vehículos e dispoñer dunha beirarrúa aceptable e minimamente accesible para os peóns. Tamén se procederá a cambiar toda a sinalización, tanto horizontal como vertical.
Así mesmo, desdobrarase a actual rede mixta de auga residuais e pluviais, actualmente en funcionamento como rede única, a cal pasará a ser utilizada unicamente para a evacuación de augas residuais, e a construción dunha nova rede de pluviais, coas súas respectivas conexións ás edificacións existentes, mellorando así considerablemente ambos os servizos. Renovarase por completo toda a infraestrutura da iluminación pública de toda esta rúa (excepto os cadros de distribución e protección eléctrica).
Ademais da execución desta obra sobre a rúa Rosalía de Castro, preténdese ampliar a actuación sobre o resto das beirarrúas que forman parte da urbanización Parque Montouto, é dicir, sobre as rúas María Pita, Concepción Arenal e Emilia Pardo Bazán, na cal se procederá a mellorar, reparar e arrombar o pavimento existente das devanditas beirarrúas. A actuación consistirá na limpeza, reparación de fisuras e gretas e a aplicación dunha capa de morteiro asfáltico de alta resistencia. Así mesmo, dotarase a aquelas escaleiras e ramplas coas correspondentes varandas de protección.
A deterioración dos viais e das beirarrúas peonís obxecto deste proxecto é consecuencia tanto das inclemencias meteorolóxicas como do desgaste ocasionado polo tránsito de persoas e vehículos ao longo de tanto tempo. As actuacións previstas redundarán en beneficio da seguridade, accesibilidade e comodidade dos usuarios.