O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Teo participa nunha xornada sobre ciberseguridade na administración local

| compartir:

A alcaldesa, Lucía Calvo de la Uz, participou esta mañá na Coruña nunha xornada sobre os retos e ameazas da ciberseguridade para as administracións locais organizada pola Deputación da Coruña, e na que estiveron numerosos rexedores municipais. 

A xornada foi inaugurada polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o deputado de Avance Dixital, José Ramón Rioboo, e contou coas intervencións do conselleiro do Consello de Contas de Galicia, Simón Rego Vilar, o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Julián Cerviño Iglesia, ademais da alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que explicaron ante o resto de rexedores da provincia as súas experiencias ante os ciberataques que os seus municipios sufriron recentemente.

O obxectivo da xornada foi concienciar aos gobernos locais de que a ciberseguridade é un elemento clave para os concellos. "Non é unha cuestión técnica nin informática, e unha cuestión de organización e goberno", afirmou Formoso, que destacou que a gran maioría dos servizos municipais se apoian nunha infraestructura tecnolóxica que queda paralizada por días ou semanas ante os ciberataques e que pode causar danos serios e incluso a perda irreversible de datos se non se dispón das medidas de prevención e recuperación adecuadas.

Así, o cibercrime causa perdas económicas moi relevantes -estimadas no 1,5% do PIB mundial- e representa xa o 20% do total dos delitos en España, incrementándose ano a ano. O mellor que se pode facer desde os concellos é estar preparados e ter as ferramentas axeitadas para previr estes ataques, co fin de minimizar os seus efectos cando se producen con plans de resposta e recuperación efectivos.

Ademais, a ciberseguridade é unha das liñas principais da Estratexia Dixital da Deputación da Coruña, que forma parte do nodo de ciberseguridade de Galicia (Ciber.gal) e colabora co Centro Criptolóxico Nacional (CCN) na implantación de perfís específicos de seguridade nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Así mesmo, é unha das catro deputacións de toda España que contan con certificación no Esquema Nacional de Seguridad (ENS). "Uns sistemas de seguridade que non só dan servizo á Deputación, senón aos concellos da provincia", explicou Formoso.

Pola súa parte, a alcaldesa de Teo explicou a súa experiencia, que supuxo "a paralización total do Concello durante catro días". "Dependemos totalmente da informática", afirmou a alcaldesa, que sinalou que "a pesar de que contabamos con ferramentas de seguridade, fumos vulnerables ao ataque" e incidiu na necesidade de que os concellos pequenos conten cun informático no seu cadro de persoal.

Lucía Calvo explicou como se efectou a creación dun gabinete de crise e se activou o protocolo para ciberataques, que inclúe a denuncia ante a Guardia Civil e a coordinación das mensaxes á cidadanía. A alcaldesa incidiu nos tres aspectos fundamentais fronte aos ciberataques: a prevención, que definiu como "fundamental", a reacción tras o ataque e a concienciación social sobre a importancia crecente deste problema.

A xornada contou tamén coa intervención de Simón Rego, conselleiro do Consello de Contas de Galicia, que presentou o recente informe elaborado por este organismo sobre ciberseguridade nas deputacións galegas e que sitúa á institución provincial coruñesa como a que mellor cumpre cos parámetros de ciberseguridade establecidos.

Neste senso, explicou que a Unión Europea destina á ciberseguridade unha décima parte do que dedican os Estados Unidos e incidiu na importancia de concienciar aos rexedores locais de contar con mecanismos de prevención e defensa en caso de ciberataques.

Pola súa banda, o director de AMTEGA, Julián Cerviño, chamou tamén a atención sobre o constante incremento dos ciberataques, especialmente tras a pandemia. "Nos primeiros dous meses de 2024 incrementáronse nun 190% con respecto ao ano pasado", afirmou Cerviño, que destacou que as plataformas de seguridade da administración autonómica bloquearon o ano pasado 167 millóns de ataques".

O directo de AMTEGA destacou a necesidade de "afrontar a transfromación dixital e os retos da ciberseguridade de xeito coordinado" e sinalou "o papel clave" da administración local neste asunto.

 

 

foto