O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Teo completa a cobertura de todas as prazas sanitarias dos seus centros de saúde

| compartir:

O Concello de Teo completa a cobertura de todas as prazas sanitarias dos seus centros de saúde, ao incorporarse este mes de marzo a nova pediatra de atención primaria no Centro de Saúde de Cacheiras, reforzando así o servizo no municipio na quenda de tarde de forma permanente. 

Trátase da cobertura de praza por concurso de méritos que levou a cabo o Servizo Galego de Saúde, coa finalidade de diminuír o déficit de persoal sanitario de diversas especialidades. Neste senso, cabe sinalar que a dita praza estaba sendo cuberta desde o pasado mes de novembro por un pediatra interino, logo da baixa da anterior profesional. 

Ademais, cabe destacar tamén que a comezos deste mes se cubriu tamén a praza que estaba vacante de medicina de familia no centro de Cacheiras, tamén por concurso de méritos. Así, con estas novas dúas incorporacións, a asistencia sanitaria de Teo contará a partir de marzo co seu cadro de persoal completo: nove médicos de familia, dous pediatras, dez enfermeiras e unha matrona.

Este cadro de persoal ten previsión de aumentarse cando se complete o novo centro de saúde proxectado para a zona da Ramallosa, que permitirá prestar servizos bucodentais no termo municipal de Teo, con espazo para incorporar un odontólogo e un hixienista dental, así como persoal de farmacia ou de enfermaría especialista en pediatría. Este novo centro foi acordado mediante convenio entre Concello e Xunta o pasado marzo e, neste momento, ambas administracións están completando os trámites para a cesión da parcela á Xunta e a licitación do proxecto arquitectónico do novo edificio.

foto