O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O Concello continúa coas melloras das instalacións deportivas municipais ao aire libre para ofrecer servizos de calidade

| compartir:

O Concello segue traballando na mellora das instalacións deportivas municipais ao aire libre, co fin de ofrecer uns servizos óptimos á cidadanía e que a veciñanza poida desfrutar do seu uso con seguridade. 

Así, na zona dos Tilos procedeuse á colocación de canastras antivandálicas na pista exterior e procederase en breve ao seu pintado. Xa no pavillón, colocáronse taboleiros de metacrilato nas canastras de minibasket. Do mesmo xeito, mudouse o termo de auga quente, mellorando así o servizo e aminorando os custos ao non haber fugas de auga. “Ter as instalacións deportivas neste estado só conlevan custos adicionais para as arcas do Concello e só conlevan problemas para os seus usuarios”, puxo de manifesto a alcaldesa, Lucía Calvo de la Uz.

Na zona de Augas Mansas, cambiouse a rede da pista deportiva ao aire libre dado o mal estado que presentaba a vella, que podía ocasionar algún risco á poboación. Tamén se procedeu á limpeza da pista e se lle colocaron novas redes ás porterías. Así mesmo, procedeuse a unha limpeza profunda do parque infantil de Augas Mansas, para que a rapazada poida xogar e desfrutar deste espazo con todas as garantías. 

En Oza, concretamente nas pistas que están enriba dos falsos túneles da AG-59, colocáronse canastras antivandálicas, limpouse en profundidade esa pista de baloncesto e fixéronselle arranxos á rede que protexe esta pista. Por último, dado o mal estado do mobiliario nesta zona, arranxáronse os bancos e pintouse a mesa, para invitar á xente a facer uso deste espazo. 

Cómpre salientar que todos estes traballos de mellora e mantemento son máis que necesarios para poder facer un uso correcto das instalacións deportivas que ofrece o Concello, incidiu a alcaldesa. Precisamente, “un acondicionamento en tempo e forma evita que se danen do xeito no que estaban as infraestruturas”, remarcou a rexedora, un traballo que ten que desenvolver de forma periódica o Concello.

foto