O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Notificación de brecha de seguridade de datos persoais no Concello de Teo

| compartir:

Estimado/a cidadán/á

A presente comunicación vén a completar a información inicialmente publicada polo Concello o pasado 29 de xaneiro sobre o ciberataque sufrido na tarde do mércores, 24 de xaneiro, e que paralizou a actividade administrativa nos días posteriores. Actividade que, a día de hoxe, xa está totalmente recuperada. 

Tras investigar o acontecido e elaborar os informes pertinentes, poñémonos en contacto desde o Concello de Teo para informarlle de que, lamentablemente e a pesar do alto nivel de medidas de protección que aplicamos nos nosos sistemas tecnolóxicos e os nosos continuos esforzos para manter o máis alto nivel de seguridade, o Concello foi vítima dun ciberataque que ocasionou que o atacante accedese a determinada información do Concello e a encriptase. Este incidente de seguridade tivo como consecuencia que persoas alleas ao mesmo poderían ter accedido á súa información persoal.

Tomámonos a privacidade moi en serio e é por iso que no momento no que tivemos coñecemento do incidente púxose en marcha o protocolo de seguridade co que conta o Concello e iniciamos inmediatamente unha investigación, tomando as medidas necesarias para contelo e minimizar os posibles danos que eventualmente puidesen causarlle. Para iso, comunicamos o incidente aos nosos provedores tecnolóxicos para restaurar os datos, cambiar contrasinais e todas aquelas pautas que se consideraron axeitadas para paliar o incidente. Ademais, procedemos a denunciar o incidente ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado competentes, ao Centro Criptolóxico Nacional (CCN-CERT); así como notificamos á Axencia Española de Protección de Datos (AEPD). Do mesmo xeito, redactamos un informe a nivel interno onde se detallou o proceso de xestión da brecha de seguridade e traballouse na recuperación da información.

Entre as diversas medidas de seguridade aplicadas, bloqueamos o servidor afectado e desconectámolo permanentemente da rede. Seguimos traballando cos nosos equipos informáticos para garantir que os nosos sistemas manteñen un alto nivel de seguridade.

A nosa investigación previa indica que puideron verse afectados algúns datos relativos a datos identificativos (nome e apelidos, DNI), contacto (correo-e, teléfono, enderezo postal), económicos/financeiros (número de conta) e detectouse que iso lle podería afectar debido a que pode supoñer perda de control sobre os seus datos persoais. 

Aínda que non temos constancia de que estes datos fosen utilizados con fins fraudulentos, por extremar a precaución, recomendámoslle que aplique as medidas habitualmente recomendadas e comprobe calquera intento de contacto por teléfono, correo electrónico, postal e/ou mensaxe de texto que poida parecer que provén do Concello de Teo. En particular, recomendámoslle que evite pulsar calquera ligazón que conteñan estas comunicacións. Con todo, pode poñerse en contacto connosco directamente para calquera verificación ou soporte no Consistorio.

Para nós, a protección dos datos persoais dos nosos cidadáns/ás e contactos foi sempre unha prioridade absoluta. Esforzámonos día a día para garantir uns estándares de seguridade altos e asegurar unha resposta rápida e completa en caso de calquera potencial risco.

O Concello de Teo descúlpase sinceramente por calquera preocupación que este incidente lle poida ocasionar. 

Para calquera dúbida acerca deste incidente ou para solicitar información adicional, poderá dirixirse á persoa Delegada de Protección de Datos do Concello, a través de dpd@teo.gal

Quedamos á súa enteira disposición para calquera información adicional.

Un saúdo cordial.


 

foto