O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Volve Música na noite a Calo o 8 de xullo

| compartir:

O festival Música na noite, organizado pola Asociación Lúa Chea, volve ao campo de San Domingo (Calo) o 8 de xullo. A música folk e rock galega encherá de novo este mítico escenario. Música na noite naceu no 87 e celebrouse durante 10 anos impulsado sempre dende o asociacionismo, grazas á asociación Lúa Chea. No ano 2008 recupérase en colaboración co Concello de Teo ata o ano 2020 cando a pandemia obrigou de novo a facer unha paréntese.

Esta mañá presentouse no Concello de Teo o cartel deste ano coa presenza de Francisco Outeiro, presidente de Lúa Chea e Xoán Carlos Olveira, vogal da asociación que estiveron acompañados do alcalde de Teo, Rafael Sisto.

O 8 de xullo a música galega será a protagonista da festa. Contarán coa Banda da Loba, Os John Deeres, Boyanka Kostova e As fillas de Cassandra. Trátase de grupos moi destacados do panorama musical galego actual. A entrada ao festival é de balde.

Música na noite celébrase no campo de San Domingo, en Calo e conta con zona de aparcamento e de acampada. Tamén haberá servizo de cantina con menú vegano e galego.

Nas redes da asociación Lúa Chea levan xa semanas anunciando esta nova edición do festival e de feito o deseño do cartel escollido para a difusión sae dunha enquisa nas súas redes sociais. Recuperan a imaxe dun cartel de edicións anteriores.

O festival conta con financiamento do Concello de Teo a través dun convenio de colaboración e cunha axuda económica da Deputación da Coruña.

 

música na noite