O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Teo sigue apoiando o Delas Fest, que este ano celebra o seu quinto aniversario

| compartir:

O Delas Fest celebra o seu quinto aniversario cunha programación estendida ata o mes de setembro.
As artistas urbanas Eloise Gillow, Amaia Arrazola, Julieta XLF e Doa Oa serán as encargadas de realizar os catro novos murais do festival feminista de arte urbana e contextual que, nesta edición especial, contará con obradoiros para familias, roteiros, coloquios e proxeccións, entre outras actividades.  

Teo participa de novo neste festival de arte urbana con perspectiva de xénero e a urbanización dos Tilos é a zona elixida para realizar un mural no mes de setembro.

O primeiro festival de arte urbana con perspectiva de xénero de Europa, o Delas Fest, volve por quinto ano consecutivo a encher de cores e historia os muros da comarca de compostela. Co seu espírito intacto a pesar dos anos, o festival renova a súa aposta pola visibilización e dignificación do traballo das artistas urbanas, imprescindibles para rachar cos estereotipos de xénero que aínda perviven no espazo público.

O proxecto, organizado por 7H Cooperativa Cultural desde o ano 2019,  celebra na comarca de Compostela una nova edición coa reivindicación da igualdade, a democratización da expresión artística no espazo público e o apego ao territorio como sinais de identidade. Cita de referencia de arte urbana no circuito estatal, este ano o programa é posible grazas aos concellos de Teo, Santiago, Ames e Brión, á liña de subvencións da Deputación da Coruña e ao patrocinio de Montana Colors, Ibersa-El Mundo del Pintor e Gadis, así como á colaboración de Cafés Candelas, Daveiga e LoxamHune.

Esta quinta edición do festival, que marca un fito na historia do proxecto, está deseñada desde o desexo de celebrar e destacar a importancia e o valor de que as mulleres ocupen artísticamente, durante todo o ano, o espazo público. Para iso, a súa programación, condensada habitualmente nunhas poucas semanas, esténdesde desde o simbólico mes de marzo -cando se lanzou unha nova convocatoria de Muros en Man Común- e ampliase con distintas actividades ata o mes de setembro, momento no que se realizarán as catro novas intervencións murais de gran formato.

Programa V aniversario

O cartel desta edición, novamente integrado únicamente por mulleres que desenvolven o seu traballo na rúa desde unha perspectiva feminista, incorpora no seu deseño á ilustradora María Montes (Pontevedra, 1987) quen, co seu característico e minucioso traballo, amosa unha persoal reiterpretación do espírito do festival, continuando a labor iniciada co cartel da edición anterior pola tamén ilustradora Maru Astray.

Este ano, as encargadas de realizar as obras de gran formato son a muralista e ilustradora vasca Amaia Arrazola (Gasteiz,1984), quen pintará no Concello de Brión; a artista visual e muralista galega Doa Oa (Sober, 1986), quen creará no Concello de Teo, a muralista e artista visual británica Eloise Gillow (Oxford, 1993), quen levará a arte urbana ao Concello de Santiago; e a ilustradora e muralista valenciana Julieta Silla (Valencia, 1982), conocida artísticamente como Julieta XLF, quen creará a súa peza no Concello de Ames.

Para definir as temáticas e enfoques das súas obras, as convidadas contarán desde o mes de abril coa colaboración da comunidade, quen volverá ter un rol destacado nos procesos creativos. A través da convocatoria Anfitriónate!, a veciñanza ten a oportunidade de coñecer ás artistas e de trasladarlles información, coñecementos e vivencias que inspiren as súas intervencións, converténdoas en reflexo da identidade e a idiosincrasia do territorio que as acolle.

De forma paralela a todo este traballo, o festival complétase cunha ampla variedade de actividades que arrancan este martes 25 de abril ás 16.30h coa proxección, no Auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, do documental Museo a Ceo Aberto e o posterior coloquio coa súa directora, Marián Fernández, da cooperativa O Cable Inglés.

Nos próximos meses, celebraranse dous roteiros de descuberta da arte urbana feminista, un no Concello de Brión o sábado 6 de maio e outro no Concello de Santiago durante o mes de xuño. Tamén en Compostela, realizarase un coloquio en torno ao libro Cando elas toman os muros. Feminismo e arte urbana en Galicia, estudo pioneiro que constrúe unha primeira xenealoxía feminista da arte urbana. No Concello de Teo, o traballo centrarase no contexto dos Tilos, onde se creará xa no mes de abril unha comisión integrada pola mocidade do territorio, nacida coa vontade de involucralos en todo o proceso de intervención mural. E nos meses de verán, tanto Ames como Compostela acollerán o I Familia Delas Fest, unha nova proposta de obradoiros participativos especialmente deseñados para a cativada e as súas familias.

A información completa de datas, horarios e localizacións de cada unha das actividades irase actualizando mes a mes na web de 7H Cooperativa Cultural (www.7hcoop.gal) e na súa canle de telegram.  
 

 

delas fest