O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Teo pide adaptar e mellorar o ordenamento xurídico para permitir unha protección efectiva dos titulares de vivendas e loitar así contra a ocupación ilegal

| compartir:

O Concello de Teo aprobou no seu Pleno Ordinario, celebrado onte á tarde, unha moción para loitar contra a ocupación ilegal e así mellorar a convivencia veciñal.

Así, a dita proposta -que foi presentada polo grupo do Partido Popular e aprobada con 9 votos a favor do PP e 7 abstencións- recolle que nos últimos meses se tivo coñecemento de novos casos de ocupación ilegal no municipio teense, un fenómeno que tal e como indican os datos do Ministerio de Interior se incrementou a nivel nacional. 

Neste senso, e ante o temor dun problema maior de convivencia veciñal, o Concello aprobou solicitar ao Goberno do Estado modificar os artigos 245 e 269 da Lei orgánica do Código Penal, co fin de poder endurecer as penas en caso de ocupación da vivenda ou inmoble, especialmente no caso das mafias. 

Con isto búscase protexer as persoas físicas ou xurídicas que sexan propietarias ou posuidoras lexítimas dunha vivenda, para que non se vexan privadas da mesma sen o seu consentimento. Por iso, o Concello tamén solicita ao Goberno do Estado incluír novas medidas procesais na Lei de axuizamento criminal que permitan proceder ao desaloxo da vivenda ocupada en situación de delito en 24 horas pola Policía. 

Por último, para que as ditas ocupacións ilegais non teñan ningunha validez, o Goberno local pídelle ao Central a modificación do apartado 4 do artigo 18 da Lei de bases de Réxime Local, co fin de evitar a inscrición no Padrón Municipal dun ocupante ilegal, considerándoa nula para efectos de outorgarlle calquera dereito ao ocupa fronte ao propietario.

Loita contra a violencia de xénero

Noutra orde de cousas, foi tamén aprobada unha moción conxunta do grupo municipal do Partido Popular, Partido Socialista Español de Teo, Bloque Nacionalista Galego de Teo e Proxecto Común Teo pola loita contra a violencia de xénero. 

Así, os catro grupos políticos que conforman a Corporación municipal acordaron que se debe traballar para sensibilizar a cidadanía en xeral e a mocidade en particular, co fin de previr as violencias de xénero en todas as súas manifestacións. Neste senso, salientaron que cómpre educar nesta materia para que non existan maltratadores e, así, evitar que haxa vítimas.

Ademais, cabe subliñar que, tal e como recolle a moción, a violencia contra as mulleres é incompatible cunha sociedade plenamente demócrata. Por iso é unha obriga democrática garantir a liberdade, a seguridade e a vida das mulleres e da súa contorna.

No texto, aprobado por unanimidade, reafírmase o compromiso do Concello cos dereitos das mulleres e a erradicación de calquera tipo de violencia machista, comprometéndose a facilitar a formación do persoal en materia de igualdade e de violencia de xénero. Tamén se compromete a motivar a participación a todos os axentes locais que deban participar da Mesa Local contra a Violencia de Xénero, co fin de que poidan ofertar os recursos necesarios dende as súas áreas. 

Como petición ao resto de administracións, o Concello solicita ao Goberno do Estado un incremento das contías destinadas á Administración local nos orzamentos do Estado e á Xunta de Galicia que siga traballando para a aprobación e aplicación dun protocolo de prevención e intervención fronte a agresións sexuais no marco do ocio nocturno.

Así mesmo, acordouse pedir o reforzo nos centros de información á muller (CIM), como entidades locais máis próximas para dotalas de recursos suficientes para que poidan desenvolver tamén actividades de prevención e de promoción da igualdade; así como impulsar medidas para a incorporación de novos perfís profesionais.

 

 

pleno

Arquivos descargables