O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Teo acolle o 21 Encontro Autonómico de Persoas Autoxestoras, organizado por Fademga Plena Inclusión Galicia

| compartir:

O concello de Teo acolleu esta mañá o 21 Encontro Autonómico de Persoas Autoxestoras, organizado pola entidade Fademga Plena inclusión Galicia. Un encontro que se prolongará ata mañá, sábado, e que reúne a persoas con discapacidade intelectual de toda a Comunidade Autónoma.

Na inauguración estivo presente a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, acompañada polo concelleiro de Servizos Sociais, Juan Cerqueiro, e xunto a outras autoridades como a directora xeral de Persoas Discapacitadas, Begoña Abeijón; a tenenta de alcaldesa do Concello de Santiago, María Rozas; e o presidente de Fademga, Eladio Fernández.

Durante a súa intervención, a rexedora municipal agradeceu o labor de entidades como Fademga que velan pola inclusión de persoas con discapacidade, poñendo tamén en valor entidades locais como a Asociación de pais de persoas con discapacidade de Teo (Aspamite). Entidades, dixo, “que melloran a calidade de vida de persoas con discapacidade e das súas familias”.

Neste senso, Lucía Calvo de la Uz manifestou a necesidade de seguir traballando da man das institucións, co fin de lograr unha sociedade igualitaria onde a diferenza sexa só cuestión de actitude.

Por último, a alcaldesa subliñou que este tipo de congresos son moi necesarios, xa que son un foro de intercambio de experiencias para que persoas con discapacidade saiban que “se hai interese e paixón, traballo e esforzo, as cousas sempre saen ben”, matizou Calvo de la Uz.

 

fademga