O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Realízanse obras de mantemento na Mediateca de Cacheiras

| compartir:

A concellaría de Cultura, dirixida por María López, programou obras de mellora na Mediateca de Cacheiras nas últimas semanas. Durante as vacacións de Nadal pintouse a instalación para o que houbo que retirar todas as estanterías que cubren as paredes. Son traballos de mantemento moi necesarios nun espazo de uso diario. Logo de rematar as obras tivo que colocarse de novo o fondo bibliográfico co que conta a biblioteca. 

Nos últimos meses tamén se executaron obras na Casa común dos Tilos, onde se actuou sobre a envolvente xa que estaba bastante deteriorada. 

Aproveitando estas tarefas realizouse un expurgo de máis de 5.000 exemplares. Os dous centros que funcionan como biblioteca en Teo teñen unha gran cantidade de exemplares e para que os espazos sexan operativos foi preciso eliminar esta cantidade de libros. 

A finais do ano pasado nos Tilos contamos con 17.929 volumes e en Cacheiras 19.208 exemplares. En relación co número de usuarios con carné o ano 2022 foi moi positivo xa que Tilos incrementou 36 pasando a ter 392 carnés e Cacheiras fixo 100 novos tendo agora 1.078. Sobre os préstamos realizados o ano que rematou fixéronse 1.768 nos Tilos e 2.130 en Cacheiras.   

O horario de funcionamento é de luns a venres, nos Tilos de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas e en Cacheiras de 10:00 a 13:45 e de 15:45 a 19:00 horas. 

A concelleira destaca a versatilidade dos espazos que se usan como biblioteca "ao permitir programar neles actividades culturais, talleres ou ser, por exemplo, o espazo do novo Punto Xove que comezou a funcionar na Mediateca os sábados como lugar de encontro para a mocidade teense, que reclamaba un espazo propio para atoparse e pasar parte do seu tempo de ocio con outras persoas da súa idade". 

 

mediateca