O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

As obras de prolongación da autovía Santiago- A Estrada permitirán executar os enlaces completos da Ramallosa e de Pontevea

| compartir:

A alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, recibiu hoxe no Concello á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, para abordar as obras do novo treito da autovía Santiago-A Estrada. Así, a representante autonómica avanzou que as obras de prolongación da autovía Santiago-A Estrada permitirán executar os enlaces completos da Ramallosa e de Pontevea para mellorar o servizo aos veciños de Teo e Vedra.

No encontro abordaron de xeito detallado as conexións da autovía co municipio de Teo, prevendo o trazado semienlaces na Ramallosa e Pontevea, de tal xeito que se permitan os movementos de tráfico en relación con Santiago, que son os máis frecuentes.

A conselleira subliñou que xa co visto e prace do Concello, os técnicos e a empresa avanzarán para que as obras do novo treito da autovía AG-59 inclúan o enlace completo da Ramallosa e amplíen o de Pontevea. Estes axustes permitirán que tamén os vehículos con destino ou orixe na Estrada poidan saír e entrar na autovía tanto desde o enlace da Ramallosa como desde o de Pontevea.

O proxecto da prolongación da autovía prevía a ampliación de ambos os enlaces, cando as circunstancias o permitisen. Pero, tal e como avanzou hoxe a conselleira á alcaldesa, mediante uns axustes, considérase posible executar xa durante as obras actualmente en marcha o enlace completo da Ramallosa da AG-59, para que sexa posible realizar todos os movementos con orixe e destino tanto Santiago como A Estrada.

Así mesmo, tamén é posible redeseñar o enlace de conexión coa AC-241 en Pontevea para que sexa completo e que, cando se execute o treito ata A Estrada sexa posible, tamén, realizar todos os movementos nas dúas direccións.

Ademais, a conselleira trasladoulle a Calvo de la Uz que completar os enlaces da AG-59 en Teo será posible sen case aumentar a expropiación de terreos, agás nun punto onde é preciso ocupar unha pequena franxa para un camiño de servizo e para a nova glorieta na AC-241.

Pola súa parte, a alcaldesa agradeceu a implicación da Xunta con Teo, xa que a pesar dun acordo plenario de 2018 da anterior Corporación municipal onde se pedía que se eliminasen os enlaces, agora estes enlaces van ser unha realidade. Unha cuestión que tamén foi demandada polos veciños e empresarios da zona, así como pola actual Corporación municipal.

Autovía AG-59

Cómpre lembrar que a Xunta comezou o 31 de outubro os traballos para prolongar a AG-59 desde o seu remate actual, na Ramallosa ata Pontevea, confluíndo coa estrada AC-241. Estas obras teñen un prazo de execución de 20 meses e supoñen un investimento da Xunta de 32,3 millóns de euros.

Trátase dunha actuación complexa, que supón a execución dun novo treito de 3,5 km de autovía libre de peaxe, con 6 estruturas: o viaduto de Santa Lucía e 5 pasos inferiores e superiores. O obxectivo é aumentar a seguridade viaria e a calidade de vida dos veciños de Teo, e tamén da Estrada, que van estar máis preto de Santiago de Compostela. 

reunion