O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O goberno municipal responde ás acusacións do PP en relación ás brigadas contraincendios

| compartir:

Diante das acusacións do Partido Popular sobre a solicitude dunha brigada municipal de prevención e extinción de incendios dende o goberno municipal infórmase da situación real á futura alcaldesa.

O concello de Teo conta cun “Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais do concello de Teo”, elaborado pola SEAGA e informado favorablemente pola Dirección Xeral de defensa do monte da Consellería de Medio rural da Xunta de Galicia, en maio de 2020, ao que se atén na súa colaboración na loita contra o lume.

O concello de Teo dispón de 7 traballadores permanentes no servizo de Protección Civil, financiados exclusivamente polo concello, que colaboran nas labores de extinción (de forma inmediata e próxima) cando se produce un incendio no termo municipal ou cando son requiridos polos Servizos da Xunta. Contan ademais con dúas motobombas (unha urbana e unha forestal), ademais dun vehículo de intervención rápida, para estes labores.

O concello dispón tamén dun servizo propio de roza de pistas municipais para eliminar a biomasa das zonas de tránsito, ademais dun servizo temporal de brigada forestal específica de prevención que está operativa dende o día 1 de xuño. Esta brigada está formada por 3 operarios que traballan durante nove meses ao ano na limpeza de propiedades municipais e camiños de monte, e por unha coordinadora responsable que actúa organizando o servizo. Este servizo leva funcionando varios anos con notable éxito.

O que non fai o concello de Teo é financiar as labores de prevención e extinción que corresponden á Xunta de Galicia contratando unha brigada para escasos 2 ou 3 meses, con escasa formación, e que ademais teñen un ámbito de actuación que non é municipal.

Rafa Sisto destaca que mal empeza a futura alcaldesa facendo un alarde partidario en defensa da política nefasta de prevención de incendios do Partido Popular, cando descoñece totalmente os medios persoais e materiais cos que conta o concello. En todo caso, se a Xunta de Galicia ten algo que dicir sobre a prevención de incendios no concello de Teo, por lealtade institucional debera facelo a través do Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais do concello de Teo que ela mesma promoveu.

forestal