O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O Concello recibe a doazón dun cadro da súa Maxestade o Rei de parte do artista galego Romero Masiá

| compartir:

O Concello de Teo recibiu hoxe a doazón dun cadro da súa Maxestade o Rei de parte do artista galego Romero Masiá. Foi precisamente a alcaldesa, Lucía Calvo de la Uz, acompañada pola concelleira de Cultura, Margarita Rosende, a encargada de recibir o pintor.

A rexedora municipal agradeceu este agasallo de parte do Concello e dos teenses, posto que será colocado no salón de plenos da Casa Consistorial. Desta forma, dáselle visibilidade aos artistas galegos, dando a coñecer as súas obras e promocionando o seu traballo dunha forma altruísta.

Durante a recepción, Calvo de la Uz interesouse pola súa obra en xeral e invitouno a poder expoñer nun futuro próximo o seu traballo no Concello, para que todos os interesados poidan apreciar a súa calidade e desfrutar dos seus cadros. 

Pintor abstracto

Licenciado en Belas Artes en Sevilla, Rafael Romero Masiá completou a súa formación nos cursos segovianos de paisaxe de El Paular e na Academia de Belas Artes Pietro Vanucci de Perugia (Italia), centros nos que aprendeu diversas técnicas como gravado, pintura ou debuxo. Ademais, compaxinou a súa faceta creativa coa docencia como profesor de debuxo artístico na Escola de Artes Plásticas e Deseño Mestre Mateo de Santiago de Compostela, así como coa ilustración de libros e a realización de murais en espazos públicos. 

Romero Masiá caracterízase por un estilo propio no que une figuración e abstracción, outorgando unha gran importancia á investigación dos materiais. Inspirado por escenas cotiás, estas sempre están impregnadas dunha atmosfera irreal e incluso surrealista, nas que habitan figuras humanas que recordan a presencias fantasmais.

O autor galego recibiu numerosos galardóns pola súa obra, a cal forma parte de coleccións como a da Xunta de Galicia, a da Deputación da Coruña, a da Deputación de Sevilla ou a da Real Academia de Belas Artes da Coruña.

cadro