O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O Concello de Teo presenta un San Martiño tradicional que enxalza os produtos locais e ofrece numerosas actividades para toda a familia

| compartir:

O Concello de Teo presenta unha nova edición da feira cabalar San Martiño de Francos 2023, o evento socio-cultural e económico máis importante do municipio. Este ano mantense a esencia tradicional deste certame, apostando pola promoción de produtos de calidade de tempada e cunha morea de actividades para toda a familia. A festividade arrancará o vindeiro sábado 4 de novembro ata o domingo 12 de novembro, rematando a semana cun gran magosto popular.

Durante a presentación, a alcaldesa Lucía Calvo de la Uz -que estivo acompañada pola concelleira de Cultura, Margarita Rosende, e polas técnicas das áreas de Cultura e Turismo, Lucía Mosquera e Liduvina Campoamor- puxo en valor todo o traballo dos técnicos do Concello e do tecido asociativo, veciñal, educativo, cultural e empresarial, que permitiron organizar unha feira con moitas máis actividades e racionalizar o gasto en algo máis do 40%”. Neste senso, Calvo sinalou que “tendo en conta o orzamento dispoñible, o Concello é quen de ofrecer unha edición pensada para toda a familia, onde ten cabida o mercado tradicional de gando e a promoción de produtos e actividades locais, fomentando a artesanía e os selos de calidade e dando a coñecer obras e figuras de artistas locais”.

Así, con preto de medio cento de citas programadas e sen perder a esencia deste gran mercado cabalar, a feira do San Martiño -vixente desde o ano 1557 na Carballeira de Francos- arrancará da man do actor e produtor galego de cine e televisión, Rubén Riós, encargado de ler o pregón e dar así o pistoletazo de saída das festas. Será o sábado 4 de novembro ás 16,00 horas na Carballeira. Así mesmo, ese mesmo día levarase a cabo a Gladiator Kids, un evento deportivo familiar consistente nunha proba de obstáculos para nenos de 3 a 11 anos, acompañados dun adulto (para anotarse en www.gladiatorraceoficial.com) e totalmente de balde para os participantes.

Ese mesmo día está programada a andaina audioguiada “Sentir Teo no Camiño”, que pon en valor a estreita vinculación da feira co itinerario cultural Xacobeo, unha interpretación guionizada que narra experiencias das mulleres que habitan preto do Camiño Portugués teense.

Como non podía ser doutro xeito, a feira centra a súa actividade na figura do cabalo, por iso o domingo 5 haberá obradoiros vencellados a este sector, como o da preparación do cabalo para eventos. Ademais, pola tarde programouse unha xornada de portas abertas nos centros ecuestres e hípicas do concello (Centro Ecuestre Rebeca Román e Club de Hípica Haras de Compostela), para que todos os interesados poidan coñecer de primeira man a cría e coidados dos cabalos.

Seguidamente, o venres 10, a Carballeira de Francos acollerá a presentación de Martiño, o cabaliño, da man do ilustrador galego Óscar Villán; así como a exposición da obra do escultor de soutos e carballeiras -e veciño de Teo-, José Manuel Toirán. Para rematar o día, Os Enxebres de Cacheiras encargaranse da noite de foliada nos postos das polbeiras, situados tamén na Carballeira.

Día Grande do San Martiño

O sábado 11 de novembro, festividade do San Martiño, a trata de gando cabalar e o seu mercado tradicional arrincarán desde ben cedo. A eles unirase a exposición de artesanía local e o Mercado da Artesanía de Galicia, con demostracións dos obradoiros participantes e en colaboración coa Fundación Pública de Artesanía de Galicia e a Asociación Galega de Artesáns.

Unha oferta que se completará con diferentes catas degustativas comentadas, onde os asistentes poderán coñecer as características e particularidades de diversos produtos de calidade. Entre eles, os acollidos á indicación xeográfica protexida Mel de Galicia, ás denominacións de orixe protexidas Tetilla, San Simón da Costa, Cebreiro e Arzúa-Ulloa e dos viños acollidos á denominación de orixe Rías Baixas, concretamente os da subzona da Ribeira do Ulla, cun Túnel dos viños de Teo da man da enóloga Cristina Mantilla.

Así mesmo, están programados diversos espectáculos e obradoiros, entre eles os organizados pola tradicional A Barraca de Barriga Verde -en sesión de mañá e tarde-, un espectáculo itinerante de música en vivo con “O Cego na feira” e a compañía de Charanga Calo, que se encargará de amenizar o día.

Por último, o domingo 12 de outubro en horario de tarde, haberá unha ruta teatral poética e musical da man dos alumnos do IES de Cacheiras e das asociacións de veciños da Carballeira de Francos e da Mámoa de Luou, que destaca pola caracterización de época dos participantes e a posta en valor de todo o patrimonio etnográfico e a paisaxe cultural arredor desta festividade. Tamén estarán os atranques infantís dos Xenerais da Ulla, dando paso á vindeira gran festividade do Concello. Unha aposta pola incorporación do tecido veciñal que permitirá despedirse do San Martiño cun gran magosto popular.

Presentacion

Arquivos descargables