O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O Concello de Teo anima aos visitantes a acudir ao San Martiño e desfrutar das numerosas actividades e degustacións

| compartir:

A alcaldesa do concello de Teo, Lucía Calvo de la Uz, inaugurou esta tarde na Carballeira de Francos a feira cabalar do San Martiño, animando aos visitantes a participar das numerosas actividades propostas para esta fin de semana, con motivo do día grande desta feira. 

Así, Calvo de la Uz salientou que o San Martiño, segue a ser un punto de encontro no mundo ecuestre, tras máis de 500 anos de celebracións. Pero tamén, matizou, un punto de encontro de veciños e veciñas de Teo, así como de xente de fóra, que atopa no San Martiño “unha festa tradicional e cultural ineludible”. 

De feito, a rexedora salientou que, ademais da xa famosa trata de gando, este ano o Concello decidiu apostar tamén polos produtos locais e alimentos de calidade, para que a feira sexa “unha cita para todos os gustos, para grandes e pequenos e para toda a familia”, matizou.

E na articulación da feira, Lucía Calvo agradeceu a implicación, o esforzo e traballo de moitas persoas do Concello, pero tamén do tecido asociativo, veciñal, educativo, cultural e empresarial de Teo. Neste senso, grazas a ese labor, conseguiuse racionalizar o gasto da feira en algo máis do 40%. 

Por último, a alcaldesa deu paso ao pregoeiro desta edición, o actor e produtor galego Rubén Riós. Un pregoeiro “de categoría indiscutible”, que foi veciño de Teo e coñece á perfección os valores culturais do municipio. Ademais, salientou Calvo de la Uz, un gran defensor da cultura galega, promocionándoa e internacionalizándoa a través da súa produtora.

Na tarde de hoxe presentouse tamén a mascota da feira: Martiño, o cabaliño, obra do ilustrador galego Óscar Villán. Os asistentes puideron desfrutar dun obradoiro de chapas coa infografía da mascota, unha actividade pensada para os máis pequenos. 

Así mesmo, tamén se inaugurou a exposición da obra do escultor de soutos e carballeiras -e veciño de Teo-, José Manuel Toirán. Para rematar o día, Os Enxebres de Cacheiras encargaranse da noite de foliada nos postos das polbeiras, situados tamén na Carballeira.

Actividades programadas

O sábado 11 de novembro, festividade do San Martiño, o día comeza coa trata de gando cabalar e o seu mercado tradicional. Durante toda a xornada, os asistentes poderán visitar a exposición de artesanía local e o Mercado da Artesanía de Galicia, con demostracións dos obradoiros participantes e en colaboración coa Fundación Pública de Artesanía de Galicia e a Asociación Galega de Artesáns. 

Unha oferta que se completará con diferentes catas degustativas comentadas, onde os asistentes poderán coñecer as características e particularidades de diversos produtos de calidade. Entre eles, os acollidos á indicación xeográfica protexida Mel de Galicia, ás denominacións de orixe protexidas Tetilla, San Simón da Costa, Cebreiro e Arzúa-Ulloa e dos viños acollidos á denominación de orixe Rías Baixas, concretamente os da subzona da Ribeira do Ulla, cun Túnel dos viños de Teo da man da enóloga Cristina Mantilla. Tamén haberá unha cata das augardentes e licores tradicionais de Galicia, grazas á colaboración da Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

Para os máis pequenos, están programados diversos espectáculos e obradoiros, entre eles os organizados pola tradicional A Barraca de Barriga Verde -en sesión de mañá e tarde-, un espectáculo itinerante de música en vivo con “O Cego na feira”. Toda a xornada estará amenizada pola compañía de Charanga Calo.

Por último, o domingo 12, celebrarase a andaina audioguiada -posposta do sábado 5 por mor da meteoroloxía- “Sentir Teo no Camiño”, que pon en valor a estreita vinculación da feira co itinerario cultural Xacobeo, unha interpretación guionizada que narra experiencias das mulleres que habitan preto do Camiño Portugués teense. 

Así mesmo, pola mañá terán lugar diversos obradoiros relacionados co mundo cabalar e, xa en horario de tarde, haberá unha ruta teatral poética e musical da man dos alumnos do IES de Cacheiras e das asociacións de veciños da Carballeira de Francos e da Mámoa de Luou, que destaca pola caracterización de época dos participantes e a posta en valor de todo o patrimonio etnográfico e a paisaxe cultural arredor desta festividade. Tamén estarán os atranques infantís dos Xenerais da Ulla, dando paso á vindeira gran festividade do Concello e o peche desta gran feira cun magosto popular. 

feira