O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O Concello condena e lamenta profundamente o acto de vandalismo levado a cabo esta noite no Peto de Ánimas de Cacheiras

| compartir:

O Concello de Teo condena de forma enérxica e lamenta profundamente o acto de vandalismo levado a cabo esta noite no Peto de Ánimas de Cacheiras, incluído no inventario de bens culturais do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Neste senso, dende o goberno local rexéitase calquera tipo de comportamento destrutivo e solicita á veciñanza que, ante este tipo de condutas, denuncie á Policía Local.

Desde a Administración local non se vai tolerar ningún tipo de acción que poña en perigo os bens patrimoniais ou calquera outro mobiliario urbano do municipio. Queremos deixar claro que, ante este tipo de accións, buscaranse os culpables para que paguen polos seus actos. De feito, a Concellaría de Cultura e Patrimonio teense iniciou de inmediato os trámites pertinentes para denunciar os feitos e tratar de localizar ós responsables.

Por iso, dende o Concello insistimos na necesidade de dar coa raíz do problema e atallalo canto antes, para que este tipo de condutas incívicas non se volvan repetir no noso municipio. “Facemos un chamamento á responsabilidade e ao respecto polos valores culturais e patrimoniais”, matizou a alcaldesa.

Trátase dun elemento catalogado por Patrimonio e incluído no inventario de bens culturais do Plan Xeral de Ordenación Municipal (ref. C.07) que ten gran veneración na veciñanza, tal e como amosan as flores e velas que engalan constantemente o monumento. É, xunto co de Raxó, unha das mellores mostras etnográficas e da arquitectura popular ao culto aos mortos e da devoción ás ánimas.

Foi restaurado no ano 1987 e máis recentemente no 2009. Orixinalmente atopábase xusto no cruce entre a estrada comarcal de Santiago a Estrada coa de Cacheiras ás Galanas, pero coa reforma da actual AC-841 foi traslado ao seu emprazamento actual para garantir a súa conservación e facilitar a súa valorización.

Os danos localízanse principalmente no retablo central do peto de ánimas no que figura a Virxe María suspendida entre as nubes que tende a man para liberar do lume do purgatorio a tres almiñas. A representación de meniños entre as lapas, purgando os seus pecados, é pouco habitual pois contraponse coa peculiar inocencia infantil. Este feito outórgalle gran orixinalidade a un monumento que permanecía en bo estado de conservación.

 

vandalismo