O 5 de xaneiro os Reis Magos visitan Teo

30-12-2022
cabalgata

A tarde do 5 de xaneiro será, de novo, unha tarde máxica e chea de ilusión para as crianzas en Teo. Dende a área de Cultura infórmannos de que veñen de recibir "un comunicado dende Oriente que nos anuncia que un ano máis as súas Maxestades, Os Reis Magos de Oriente, visitarán o día 5 de xaneiro o noso Concello, para saudar a todos os nenos e as nenas, familias e maiores".

Tamén nos indican que os/as máis pequenos/as da casa lembren enviar as súas cartas cos seus desexos e peticións. Para facilitar esa tarefa tede en conta que na Ramallosa, a carón do Concello, temos un buzón real no que podedes depositar as misivas. 

A cabalgata deste ano recupera o itinerario dos anos pre pandemia. Os Reis Magos chegan a Teo en tren, ás 16:40 á estación de Osebe. Dende alí, no autobús real, achegaranse ás asociacións de Teo.

  • 16:50 horas estarán na Asociación SR de Calo.
  • 17:05 horas visitarán o CC A Pontevella.
  • 17:35 horas estarán no Centro Comercial dos Tilos.
  • 18:25 horas achegaranse ao centro cultural Rosalía de Castro.

No pavillón Ezequiel Mosquera comezarán as actividades ás 18:00 horas mentres se agarda polas súas maxestades, que chegarán sobre as 18:50 horas. A rapazada que se achegue a recibir a Melchor, Gaspar e Baltasar recibirán un agasallo literario, un dos contos infantís dalgunha das autoras teenses que leron os contos nas árbores de noso. 

O Departamento de Cultura, xunto coa Policía Local, Protección Civil así como o Departamento de Obras de Teo están traballando arreo para celebrar a noite máis máxica de todo o ano, que enche de ilusión tanto a nenos como a maiores, e que nos fará viaxar no tempo unhas horas ata a nosa infancia.