O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Teo lembra a Ánxel Casal e a Avelino Pousa no décimo aniversario da súa morte

| compartir:

O Concello de Teo lembra a Ánxel Casal e a todas as persoas represaliadas en Teo.

Este venres, 19 de agosto, o Concello de Teo lembra a Ánxel Casal e a todas as persoas represaliadas en Teo no mesmo día do mes de agosto no que o seu corpo de Ánxel Casal foi paseado no ano 36.

Como vén sendo habitual, os actos céntranse no acto institucional de homenaxe a Ánxel Casal, que se celebrará ás 20.00 horas na Estivada da Ribeira en Cacheiras e na posterior ofrenda floral no monólito de Ánxel Casal, situado neste mesmo emprazamento. O acto estará conducido polo alcalde de Teo, Rafael Sisto, e no mesmo participarán representantes institucionais dos Concellos de Arzúa e Santiago de Compostela. Tamén tomarán a palabra membros da Asociación A Oliveira, precursora desta homenaxe.

Realizará o acompañamento musical a este acto os grupos teenses Aldomir e Suasebe da A.C. A Mámoa de Luou.

Con esta serie de actos o Concello de Teo e a Asociación A Oliveira tratan de manter vivo o recoñecemento a Ánxel Casal (A Coruña 1895-Cacheiras 1936), quen destacou polo seu labor como editor e político. Foi o  último alcalde republicano da cidade de Santiago e militou no Partido Galeguista dende a súa creación. Tras o triunfo do levantamento do 18 de 1936 de xullo foi detido e paseado o 19 de agosto. O seu corpo apareceu  ao carón da estrada en Cacheiras, onde hoxe un monólito lembra a súa memoria. 

Homenaxe a Avelino Pousa Antelo e entrega do IX caxato de Avelino

O día 20 de agosto ás 12.00 h, e cadrando coa data do pasamento de Avelino Pousa Antelo, na Casa do Concello de Teo (A Coruña), a Irmandade Avelino Pousa, xunto coa Irmandade Manuel María e AC Xermolos farán recoñecemento do VIII Caxato de Avelino a Xaime Félix Arlindo López Arias, persoa moi vinculada a Avelino así como ao alumno deste, Valentín Arias. Natural de Sarria, é mestre, graduado social e licenciado en dereito, ademais de cronista oficial de Sarria. O mantedor do acto este ano será Baldomero Iglesias Dobarro (Mero). 

Esta edición da entrega do caxato de Avelino é moi especial xa que se cumpren dez anos do seu pasamento. No acto farase mención ás persoas que nestes anos xa recibiron o caxato pola súa vinculación ou amizade con Avelino Pousa. 

Logo do acto de entrega do caxato, as persoas participantes dirixiranse ao Paseo Avelino Pousa, na urbanización Os Verxeis, na parroquia de Oza, para realizar unha ofrenda floral no monólito que alí hai en honra de Avelino Pousa.

Avelino Pousa Antelo era fillo adoptivo do Concello de Teo. 

Casal

Arquivos descargables

Attachment Size
Cartaz Anxel Casal.jpg 497.83 KB