A Policía Local detén a un sospeitoso de varios roubos na Biblioteca dos Tilos

10-06-2022
control

A Policía Local de Teo procedeu hoxe á detención dun varón de 21 anos como posible autor de varios roubos de material informático o pasado mes de marzo na Biblioteca dos Tilos. Naquel momento detectáronse ata tres entradas nas que se roubaron equipos informáticos e unha impresora de tarxetas, un equipamento característico das bibliotecas. 

Naquel momento o encargado da biblioteca, no nome do Concello, denunciou estes feitos diante da Policía Local. Esta mesma semana localizouse unha impresora de tarxetas como a substraída nunha web de venda de produtos de segunda man. Os axentes iniciaron conversas co anunciante de cara a asegurar que se trataba do material roubado na biblioteca municipal. Hoxe mesmo a Policía montou un operativo para verificar que se trataba da mesma máquina procedendo á detención da persoa que quería facer a venda para poñelo a disposiciónd a Garda Civil do Milladoiro. 

Dende o Concello felicítase ao corpo da Policía Local polo traballo realizado que levou a esta detención e á recuperación de parte do material roubado.